A nosa lingua bífida

Revive o quechua polas ondas do ar na radio quechua. Esmorece o bretón na bretaña francesa e o gaélico na irmanciña dourada do Eire. Linguas de alleos troncos e raizames á lingua colonizadora que foi o castelán, o francés e mailo inglés. Noentanto, ningunha delas tivo a grande ventura de que unha parte das papilas gustativas desa lingua, xusto alí onde se ubica o sabor doce do mel, vivira e se desenvolvera livre do sabor acedo da lingua colonizadora. Só a nosa lingua, o galego, tivo a grande ventura de ter as papilas gustativas en Portugal. Desde a castración e doma do galego tiñamos un espello aberto a todos os mares, de Brasil a Macao, de Angola a Moçambique e porén viviamos cegos a ese destello nouturnio dos vagalumes lusos. Eran tempos onde a nosa lingua sobrevivía xebre entre os montañeses ou enredada nas artes da mar das mariscadoras e mariñeiros. Mesturada xa e amartelada entre os proletarios recén chegados dun éxodo rural que esnaquizaría leiras, montes, rueiros e lingua.

Xa en 1926 nun artigo xornalístico titulado Galeguismo de esportaceón, o sabio Dieste comentando un texto de Linares Rivas nunha revista galega, láiase da deturpación do galego dicindo que “O castelán dominical das criadas soa o mesmo que o galego estival dos madrileños e que a xerga das comedias linarianas de ambiente galego”. E deseguida: “O ‘iño’ é para o Sr. Linares Rivas o máis doce, tenro, emocionante e irresistíbele do galego.”

É ben triste para min que coido, como Novoneira, que a lingua é o único xeito audivel de supervivencia, asistir ao suicidio inducido dunha lingua por xentes do seu proprio povo. Ao ler os artigos xornalísticos de Dieste gorento o padal co saibo de verbas que, se cadra, ninguén pronuncia hoxe e cuxo significado e musicalidade, cuxo universo cultural vaise con elas: rixeza, gabanza, alabeado, amaiada, atiaxantes, aglaio, solermiño, vellouqueiro... e vaise sen que a mocidade alcenda un facho de baril inconformismo, que decía o poeta celanovés. Incluso esa mocidade que se orgulla de falar galego amosa unha alarmante frieza por usar guante no canto de luva ou coche cando ten carro ou automóbil. Certo que ao noso autodesprezo secular de miolos colonizados únese esa “liquidez” da sociedade líquida da que nos falou Baumann e das relacións fuxidías e de tona máis que fondas. Nos cavorcos da lingua non parecen ficar nen os vellouqueiros petrucios da Patria malia que o Patriarca, o grande mestre da palavra de Trasalba, xa nos alertara que tiveramos coidado coa maquinaria pesada, supoño que ao osmar o futuro dos dous territorios da Patria: a terra e a lingua.

Así, cando vou á cidade da torre herculina, tapuxada polos tixolos da selvaxe especulación, cando paseo polas rúas da linda cidade daquelas meniñas ás que xa Curros no século XIX exhortava a falar galego, a fenestra ao mar das Irmandades da Fala, non atopo a rúa Rafael Dieste, cegada polo bruído demoledor da velocidade con que marchan os carros pola grande arteria de Linares Rivas a desangrar as nosas linguas bífidas.

A nosa lingua bífida

Te puede interesar