viernes 19.07.2019

Rosalía e o caldo das pobres

Cara Rosalía:  Escrévote estas letras sen vírgulas, na túa-nosa lingua

Cara Rosalía:  Escrévote estas letras sen vírgulas, na túa-nosa lingua namentres os xornais lóuvanche na outra, sen vergoña nen vírgula. Terás que disculpar mais eu non podo celebrar teu nacemento, con esta patuleia de arrampicatore sociale ou arrivistas. Comer caldo de gloria en restaurantes de tanto señorío de casino que se arrouta a falar por comenencia, entre o bolo do pote e o caldo de alto standing da adega mudada en vinoteca. Así, sen eñe ou ene agá, coa boina de deseño e o teu pin na lapela. 
Pasarán as mulleres das gheadas, como outrora as novas caldrupeiras que no Porto do Cabo, aló onde muda o vento, camiño de Teixido, vendíanlle o caldo, tamén de gloria, aos romeiros. Mulleres das xeadas dos acedos menceres, que falarán sen norma nen sintaxe os teus Cantares gallegos, a preparar teu caldo, aquel de Adina que ti papaches soa coma os pobres de pedir polas portas, sen que ninguén te dera nen cunca nen anaco de broa. Pasarán os seus fillos, algúns coa túa face  na camisola, falando como os castellanos de Castilla, nunha escola que despreza túa lingua e túa persoa. Si, cara amiga, fidel compaña das miñas tristes horas. Xa sei que o sabes dende túa Negra Sombra. Pois xa que o sabes, dígocho, por non rosmar aos ventos a fouce feridora, hoxe ben esquencida sen rebrilo. “Bótalle ao caldo unha lingua de porco, miña muller, xa que andamos en linguas. Bótalle ao caldo unha lingua de porco, para engordar non che hai cousa como ela” (e acó non leva punto porque o corretor ortográfico múdama en ella). Daba Ao vento, teu amigo Curros. 
Mercadean teu nome e túa Sombra coas touroperadoras, eses que te levaron da túa Adina ao Panteón Ilustre con toda a soinamoina. “Cava, lixeiro, cava, xigante pensamento... E por lousa daráslle o negro olvido...”. E o olvido dancho agora co ruido, co noxento sensentido das louvamiñas daquelas que nen te len nen te queren máis que ao gaveo. Fan concertos, papandas, len verso ocasional, e agasallan flores de aparentar, murchas como a lingua que só regan o teu día, o Día de Rosalía...asociacións, hostais e fundacións, cavaleiros e feministas de institución e ate transnacionais de cortes anglosaxóns que non fan pronuncia nen na caixa rexistradora. Son Misas de Rosalía para encher os bandullos coa túa vida. Si, tes razón, sei que hai excepcións. Livros que nos alumian, biografías e estudos que se os les, ainda podes crer, con certo aquel, que te honran a treu e te gorentan. Mais ainda así, nunca camiñarías teu percorrido poético pola vila. Quizais que foras, malia e todo a Vila Modesti, onde a túa obra, se mestura co queixo, os afumados, o pan e os doces recén forneados polos veciños daquel castelo, en pé de novo, do noso Roi,  o Xordo, cal túa “Velliña Xuana, aquela que sube, sube, a costa do mar de ovellas... que ou me engaño ou terás festa... que hai para todos o día que alí cocen...”.
Mais non creo que foras ao Hostal dos Reis Católicos, nen a deshoras!. Tampouco á ofrenda floral que che farán nas estatuas que, anque Celaya non o crera, non se moven nin unha migalla. E xa houvo un concelleiro que che foi facer as beiras En las orillas del Sar botando lixo cara o mar. Filla do mar, caldrupeira na Capela da Fame!. Por que escreveches La Flor, falando dun desengano?. Direiche que segue havendo homiños dun gran de millo tamaño. E que seguimos nas mesmas que ti xa sabes, muller da Terra! Perdidas polos namoros dun Flavio. Lisístrata, hoxe fora un agravio a pagar co cárcere.
 Así que entre as Ruínas, desta nazón sen matria, perdida aínda a patria, morrendo dun patriarcado mesetario, pasean súas “botas azuis os cabaleiros”, sen  agromar Follas Novas.
Arfando aos ventos os banquetes de Conxo. Sublime, El primer loco, vive arredado coas súa teima na natureza, farto das comitivas dos cemiterios aos Panteóns, por moi ilustres que nolos vendan para ocasión. 
Ouh, Rosalía, labrega e mariñeira, eu sei que gostarías de Bonaval, da tecedeira daquel López Ferreiro, deses xornais que publicavan, por entregas, as nosas novelas. Mentres agora, todos danse a publicar esquelas.
Non máis che vou contar, xa ti irás vendo, as  tristes efemérides e eventos namentras a nosa lingua morre de galeguía entre os prohomes. Coido que  terás boa prola, entre Domingo, o Fontán, Castelao... e  Ramón, poeta da Raza, ese que te chamou a Rula milagreira e era coma ti, fillo do clan e desta Asoballada Terra. 

Rosalía e o caldo das pobres
Comentarios