viernes 19.07.2019

As corvetas, o galáan de noite e os camelos saudís

Hoxe imos falar dunha planta perfecta para o horto sindical.

Hoxe imos falar dunha planta perfecta para o horto sindical. Trátase do cestrum nocturnum, máis coñecido como Galán de noite, un arbustre axeitado para ter en macetas a carón dos fogares por mor do seu forte recendo nouturno que malia o engado, ceiba un alcaloide tóxico mentres os traballadores durmimos. Abónase cunha liberación lenta onde radica parte do trapelo e preséntase en racimos no mesmo feitío que esas bombas proibidas que ninguén merca nen vende. Como é de folla perenne e luce vizoso canda os demais fican espidos pola friaxe que venta o livre mercado global, é doado de o atopar tanto en concellos como en factorías navais, maiormente nos outos despachos onde a temperatura non é tan estrema como no tallo.
Mais tamén o galán de noite é quen de termar da nosa roupa mentres durmimos e luze, con moita clase, como un moble auxiliar en empresas onde se curta chapa nouturna con esa mesma nouturnidade con que se bombardean vivendas, escolas e hospitais en Iemen cunhas bombas-láser made in spain que dan de comer á clase obreira. Unha clase obreira sumetida á chantaxe unánime, non só duns patróns de empresa pública, senón tamén á chantaxe dun governo mareante e un comité de empresa de moita galanura. 
De tal xeito que xa non sabemos se o Galán é un actor que interpreta un papel serio no comité de empresa ou un mozo que lle fala a unha muller saudí como Israa-al-Ghomgham que xa pode conduzir carro por Riad mais tamén ser decapitada en outubro por ser unha activista pacífica contra as atrocidades dunha monarquía absoluta e teocrática como a de Arabia Saudí. Monarquía oleoducta que mantén unha guerra criminal contra o povo iemení con ataques ilexítimos, restrición da axuda humanitaria, detencións arbitrarias, desaparicións forzosas, reclutamento de menores e outras violacións graves de dereitos humanos, segundo Amnistía Internacional. 
Entrementres España, incumpre o Tratado sobre o Comercio de Armas que estabrece a proibición de exportar armas cando exista un risco de contribuir a cometer ou facilitar crimes de guerra e violacións de dereitos humanos. E cando digo España, non digo só o governo do Psoe coas súa ministra feminista (que non arrubece cando suliña perante as cámaras que Arabia Saudí é un país serio), digo tamén o anterior governo do PP con aquel ministro Morenés que atendía ao negocio das súas empresas de armamento desde o despacho ministerial, cobizoso dos petrodólares saudís. 
Falo da monarquía española e máis tristemente deses partidos que se dizían rupturistas e agora falan de conservar o pan dos nosos fillos co sangue dos fillos iemenís asasinados. E falo, sobor de todo, deses sindicatos que no canto de defender a construción civil adícanse a chantaxear e enlear aos traballadores meténdolles medo no corpo con esmolas e con consignas tan tóxicas como ese arrecendo nouturno da solamina do Galán de noite.
Dá gusto vivir nun país serio como o noso que mentres se dá a deter arbitrariamente árabes por presuntas amizades con presuntos terroristas e pon concertinas aos moros, fai lucro coas catro grandes compañías que se reparten o negocio dos conflictos polo gas e o petróleo do Oriente Medio: Navantia, Airbus military, General Dynamics e Indra. Por iso, España está entre os dez países que máis armas exportan e por iso Arabia Saudí está entre os principais clientes. 
O problema, din os expertos, é que o lobby armamentístico fixo de Arabia Saudí é un cliente xeneroso que adquiriu a España 270,2 millóns de euros en armamento, un 133 % de incremento. 
E se os governos do cambio e os sindicatos galanos son quen de mirar de esguello aos 5.000 nenos asasinados dun total de 15.000 víctimas civís nos bombardeos saudís a Iemen e aos 7 millóns de persoas ao borde da fame nunha guerra occidental polos recursos enerxéticos que leva tres anos silenciada nos medios de comunicación, se é así, penso que teremos de mudar as carreiras de carrilanas polas carreiras de camelos, tan tradicionais entre absolutos soberanos.
Imaxinemos a Galiza enteira obrigada a fuxir dos seus fogares a causa dos combates. Imaxinemos unha corvetas armadas en mans dun governo tirano con voz e voto na Onu, no FMI e no Banco Mundial. 
Imaxinemos un ministro de Asuntos Exteriores a dicir que as bombas non producen efectos colaterais porque son guiadas por láser e dan no branco cunha precisión extraordinaria. Ainda cando ese branco sexan os defuntos irmaos e os pais dunha nena de cinco anos chamada Buthaina.
Nen o galán de noite, esa planta perenne, será quen de camelar ese fedor de morte!
Nen o galán de noite, ese moble auxiliar nos comités de empresa poderá termar da nosa roupa de solidariedade de clase!

As corvetas, o galáan de noite e os camelos saudís
Comentarios