viernes 19.07.2019

8 Perante a situación social da muller, a precarización do traballo,

Perante a situación social da muller, a precarización do traballo

Perante a situación social da muller, a precarización do traballo, a fenda salarial, a marxinación en empregos tradicionalmente masculinos, o paro, o subemprego, o pluriemprego miserento, o privilexio das falsas autónomas, as coidadoras do sul global (que veñen soster a esas mulleres liberadas e independentes que se dan tan só ao berro para crebar o teito de cristal), a violencia de xénero, a educación sexista, a castración emocional... agroman do sochán as campañas parafeministas da burguesía propia ou alleada. De todo este trompicallo políticosindical a máis pasmosa das campañas é, para min, a que emprega os valores patriarcais de forza agresiva e cilindrolas de muller empoderada nos valores patriarcais para soltar exabruptos de anatomía feminina calcada á dos cousos dos touroperadores falocráticos. O máis grande de Galiza está ate a cona, di esa amósega de feminismo radical. Se esta é a meirande arma antipatriarcal coa que conta a chamada esquerda nacionalista galega, mal andamos. 
Contra este retrouso estanse a erguer críticas porque a palabra cona paréceselles soez, feia ou como din os irmaos portugueses por influxo castelán: hedionda. E á que os  galegos dicímoslle fedorenta. Outras mulleres que son referente intelectual da esquerda nacionalista cren que está fóra de lugar por bioloxicista, opinión que comparto plenamente. Se soltar exabruptos que axudan a conservar estereotipos patriarcais é o máis interesante que podemos fazer no día internacional da muller, afortalando o ser agresivo e brutallán do patriarca, xa postas, eu convídoas a empregar a sorna, a retranca e finura dos versos requintados das cantigas tradicionais onde as mulleres sumetidas polo xénero, mais tambén (grave esquecemento na esquerda) pola clase social, as mulleres labregas e mariñeiras, non as condesas á Pardo Bazán, senón as Rosalías da Terra, cantigavan as críticas máis fondas en lingua sobranceira. Así, O máis grande de Galiza está ate o guirlete, sería máis atinado, porque amais de recuperar unha fermosa verba, suliñariamos o órgano por excelencia do pracer feminino, o clítore, e incluiriamos implícitamente a luita contra ese horror criminoso que segue a ser a ablación. Así como a reivindicación dunha educación sexual que fora máis aló da estricta anticoncepción focada somentes ao coito. O guirlete como empoderamento feminino sería ben máis interesante, tanto como foi a fouce no imaxinario político e real galego. Mais como o minifundio é un valor decrecentista fundamental, que os galegos teremos non só de recuperar senón tambén de exportar cando o capitalismo colapse, sería ben de variar as faixas do 8-M por comarcas ou mesmo por paróquias, pulando a ricaz variedade lingüística da nosa lingua. Que exemplo de soberanía territorial dariamos se houvera este día internacional da muller faixas onde portaramos: até a frisalba (perruca para a c... calva) contra o imperio da moda no noso corpo, até a pébeda, até as pelderexas... ou O máis grande de Galiza está até o caravel encarnado. O caravel como símbolo da cuncha venusina de Botticelli ou vieira dos romeiros, esa man aberta fecundadora non só da vida como amor incondicional senón tambén como especie e como ecosistema planetario, como flor no fusil da revolución dos cravos, antimilitarista e igualitaria. Magoa que esquezamos que os caraveis ou cravos veñen, como as rosas que agasallamos nos eventos de certa esquerda europea, da escravatura das mulleres e nenos do Sul. Do sul de alén ou do de aquén, que tanto ten.
Eu porén, son partidaria da figa, xa que o guirlete non entrou, que eu saiba, (eiva do Seoane comunista) nen no Laboratorio de Formas de Sargadelos. A figa, si, co seu valor apotropaico que nos defenda dos malos ollos do Capital patriarcal en feitío de home e de muller. A figa, esa man fechada de autoproteción que empregavan ate as beatas que se cruzavan co poeta Curros (...que onte ao pasar ante min súa manceba, fíxome a figa e rosmou polo baixo, mentres botava ao outro lado a cabeza). A figa ou man fechada de acibeche compostelá, cos dedos nun puño e o escachapiollos de guirlete, asomando entre o furabolos dos panadeiros e o  dedo maior dos bos besteiros. A figa como símbolo do poder do pracer e do lecer, da sociedade dos coidados e do poder da muller, das capacidades das fiandeiras e das recolectoras, das leiteiras e das aleitadoras, das lavandeiras, costureiras, redeiras e limpadoras, do clítore como símbolo apotropaico que nos protexa do éxito patriarcal que é o mundo das mulleres burguesas, das que fan as pancartas e alentan desde a cadeira do poder ás pobres mulleres que non poden folgar en nengunha das dúas acepcións semánticas. O mellor de Galiza está até a figa.  Ah, que grande lema para este 8 de marzo ou día internacional da muller!. Da muller territorial da soberanía alimentar, da muller guerreira de todas as mitoloxías luares, célticas e atlánticas. Da muller mandadeira, que non era a que mandava senón a mandada, a que transportava o xantar nos tranvías, ou camiñava as estradas de Castela para traer o xantar ás privilexiadas mulleres e homes proletarios que procuravan na vila o que o colono da terra lle roubava. 
Certamente non é tarefa doada cavilar un cartaz, e menos cando a a arma máis pudente ou pudenda limítase á razón glandular. Entre pór O mellor de Galiza está até as glándulas de Bartolino ou até os bacilos de Doederlein, eu mesmamente debruzo no Bartolino, eses dous chícharos productivistas de feromonas que erguen a bandeira do pracer da muller, veciñas de porta das glándulas do escocés Skene que nutren aos espermatozoides para facilitar a fecundación. 
Triste que para luitar pola igualdade da muller teñamos que padecer bartolinite, a emular os valores que fan infelices aos homes na discriminación. Santa Marta de Ortigueira/ a muller que come a nata/ non pode ter a manteiga.

8 Perante a situación social da muller, a precarización do traballo,
Comentarios