Martes 20.11.2018

Homenaxe a Ferrín

No 70 aniversario de Jean-Paul Sartre, en Franza, fixéronlle unha homenaxe

No 70 aniversario de Jean-Paul Sartre, en Franza, fixéronlle unha homenaxe privada que ignoraron os medios de comunicación. Corría o ano 1975 e Sartre sabía da luita antifascista que nese ano se cobrara a vida de cinco persoas, dous bascos, un español e dous galegos. En Ferrol, Moncho Reboiras a mans da policía franquista.
No 80 aniversario de Ferrín, en Galiza, un grupo de amigos, os máis achegados, tamén lle fixeron unha homenaxe privada en Chapela-Redondela, rodeados polas ondas do mar de Vigo e polo silenzo mediático. Escandaloso silenzo para o meirande escritor vivo das nosas letras, o creador dun máxico universo mítico que, artellado no cerne da vida cotiá, nos enleva ás nosas raízes célticas. Escandaloso silenzo para o gran mestre do xornalismo literario, mais silenzo comprensivel ao non fazer parte Ferrín deses intelectuais mediáticos formateados polo Poder dos Lobbies da información prefabricada. Espantoso silenzo no sentido semántico portugués de imenso e inaudito coma se na RAE esqueceran o aniversario de Cervantes ou o de Yeats na Academia irlandesa. Represalia de Césares que sumeten aos rebeldes ao ostracismo institucional. Fica muito piñeiro trala lonxana xuntanza do piñeiro derrubado.
Xa outro egrexio poeta social celanovés -Vilanova dos Infantes é vila de grande sona- escrevera en 1894, desde a Habana que a creación da Academia da Lingua fora un intento fanado polo medo a que encarnara o Rexionalismo galego, porque ningún povo acadou o seu renacemento político sen o renacemento literario.
Oitenta anos xa desde aquel mesto ano 38 no que nacera o arraiano entre arraianos. Oitenta anos xa que Sartre dera ao prelo A Náusea. Cantas veces evocamos aquelas Vidas Paralelas de Plutarco!. Ás veces, con fe cega acredito no mito dos Corpos Abertos, na historia da migración de corpo en corpo do espírito dunha persoa. De Sartre a Ferrín No Ventre do Silencio, naquela cripta do horror vello da canalla fascista, a Alxeria do intelectual tido, metido, comprometido, a fronteira infinda dos Povos Promiscuos, a rebeldía, a transgresión, o compromiso, a denuncia. Arfar de cavalos bravos na Groba, Terra onde chantar na pedra a espada Arnoia. Afouto Nmógadah! E eses ollos como bocas de rifle negadores da ledicia. 
Vidas Paralelas, os Temps Modernes en Sartre e A trabe de ouro en Ferrín. A paixón literaria espellada no xornalismo de opinión a escintilar entre a escura vulgaridade cotiá. As obras de Sartre no índice de livros proibidos pola igrexa como a mala prensa do laicismo e anticlericalismo ferrinián. O siamesismo entrambos, literatura e política, os dous pés. O tenderliteratur engelsiano, si, a literatura comprometida porque certamente non hai literatura que non porte unha ideoloxía. Porque o home é consciencia e se Sartre rexeita o Nobel de Literatura, é o Nobel, de momento, quen rexeita a Ferrín. Outra sona tería se o noso escritor nacional, escrevera na lingua dunha nazón de seu, unha nazón con Estado como outrora o escritor portugués, Pessoa, tan arredado, en troques do compromiso social. E senón comparemos ao amoral Alvaro de Campos con Heriberto Bens. 

Homenaxe a Ferrín
Comentarios