Lunes 22.04.2019

A VOLTAS COAS CRUCES DE PEDRA

Veño de pasar unhas xornadas na cidade de Lugo onde tivo lugar o IV Congreso Galego sobre os cruceiros e cruces de pedra. Neste Congreso, organizado pola Asociación dos Amigos dos Cruceiros, unha serie de investigadores e especialistas reuníronse para o estudo destas obras da arte popular, continuando deste xeito os encontros celebrados en anos anteriores nas localidades de Poio, Ponteareas e Santiago de Compostela.

Veño de pasar unhas xornadas na cidade de Lugo onde tivo lugar o IV Congreso Galego sobre os cruceiros e cruces de pedra. Neste Congreso, organizado pola Asociación dos Amigos dos Cruceiros, unha serie de investigadores e especialistas reuníronse para o estudo destas obras da arte popular, continuando deste xeito os encontros celebrados en anos anteriores nas localidades de Poio, Ponteareas e Santiago de Compostela.

O axeitado marco do Museo Arqueolóxico de Lugo, onde tivo lugar a presentación dos diferentes relatorios sobre as cruces de pedra, foi tamén o lugar de celebración dunha nova reunión da devandita Asociación de Amigos dos Cruceiros, unha entidade que ten como obxecto o estudo, a divulgación e a defensa destas senlleiras obras da arte popular que se atopan repartidas por tódolos lugares de Galicia.

No Congreso presentáronse unha serie de traballos variados referentes a diversos aspectos destas obras, tanto no que atinxe aos seus aspectos materiais, artísticos e históricos como aos temas relativos aos seus valores intanxibles, sexan etnográficos, costumistas e mesmo como receptores das devocións do pobo ou como destinatarios de diferentes ritos e lendas populares. Nesta reunión presentáronse relatorios referentes a exemplares de diversos lugares de Galicia, Asturias, Castela e Portugal.

O meu relatorio versou sobre os cruceiros, cruces de pedra e amilladoiros que balizan o Camiño Vello e os camiños de romaría a San Andrés de Lonxe. Na miña intervención fixen un percorrido por quince dos máis significados exemplares deste camiño de peregrinación, desde o cruceiro de Pena de Embade, en Narón, ata o Cristo dos Carrís, xa moi preto do santuario de Teixido, onde os cruceiros, referencia senlleira na paisaxe galega, acompañan aos romeiros aos que serven de conforto espiritual e de descanso material nos banzos da súa plataforma. Ademais de denunciar na miña intervención o desleixo que sofren moitos cruceiros galegos, incluídos os do Camiño de San Andrés de Teixido, e da falla de atención pola parte da Administración (sexa municipal, provincial ou autonómica) e da mesma Igrexa que semella non entender que os cruceiros forman parte importante das devocións populares, expuxen de novo aos asistentes ao Congreso a teimuda ignorancia dos sucesivos responsables de Cultura do Concello de Ferrol, que levan anos descoñecendo o valor patrimonial dunha xoia medieval como é o Cristo da Tahona. Entre os acordos tomados pola nosa Asociación estivo o de facer unha relación dos exemplares máis sobranceiros entre os milleiros de cruceiros, cruces de pedra e petos espallados ao longo da Comunidade de Galicia, obras que normalmente se atopan protexidas polos veciños, os seus auténticos depositarios históricos. De xeito específico acordouse pedir a consideración de BIC (Ben de Interese Cultural) para o cruceiro do Home Santo, ergueito en Santiago ao pé do antigo mosteiro de San Domingos de Bonaval (hoxe sede do Museo do Pobo Galego), como senlleira representación dos cruceiros galegos. Como remate do Congreso acordouse solicitar da Unesco o galardón de Patrimonio da Humanidade para o conxunto de cruceiros, cruces de pedra, calvarios, esmoleiros e petos de ánimas da Comunidade de Galicia, por tratarse dun importante patrimonio material (histórico e artístico) de máis de 12.000 obras da arte popular que constitúen unha senlleira manifestación do patrimonio etnográfico e intanxible de Galicia, arrodeados de lendas, tradicións e costumes. A maiores son unha manifestación singular das devocións e a relixiosidade popular, e a súa abondosa presenza no espazo rural significa unha referencia única da paisaxe galega, onde serven de guía imprescindible nas peregrinacións e romarías.

[email protected]

A VOLTAS COAS CRUCES DE PEDRA
Comentarios