A propósito do noso himno

Ovocábulo ‘himno’ procede do grego antigo. Naqueles remotos tempos, alá polo séc. VII a.C, facía alusión a unha composición de tipo coral en honor a unha divindade, ora fose posteriormente retomada con valor litúrxico na literatura cristiá a partir da Idade Media. O himno como tal podería estar dedicado a deuses ou a un santo, mais tamén a un heroe ou a unha persoa célebre. Así mesmo, podería estar dedicado á celebración dunha vitoria ou dun suceso memorábel, expresando xúbilo ou entusiasmo, pasando así a ser coñecido como ‘oda’. 
Entendemos hoxe por himno un tipo de composición poética, cuxo ton é solemne, que acostuma ser cantada en actos de carácter público como representación e enxalzamento dun país ou organización. Por esta razón, serve de elemento de cohesión, xa que une a quen o interpreta. Acostuma ser ora unha marcha ora un poema lírico, de aí ser musicado. A nosa tradición occidental, en definitiva, está nos himnos homéricos, escritos no séc.VII a.C., en que eran louvadas as deidades da relixión da Antiga Grecia. 
Canto aos himnos nacionais se refire, haberá que esperar até o século XIX para comprobarmos a difusión e oficialización de moitos deles. Tan só Francia e o Reino Unido, de 1795 o primeiro e de 1745 o segundo, serán os únicos anteriores aos demais. O xurdimento de moitas nacións-estado, cuxas ansias haberán de verse consumadas ao longo do amentado século, así como doutras nacións que non conseguirían tal status, foron a razón da consolidación dun bon número de himnos por diferentes países europeos. O noso, o himno galego pois, non será alleo a este proceso construtivo, visto o auxe dos nacionalismos se ir forxando á calor destas novas ideas. 
Xosé Fontenla Leal, conterráneo noso natural da rúa da Estrela, xogou sen dúbida un papel importante na difusión e consolidación do himno nacional desde a Habana. Con todo, os primordios da historia da encomenda fóronlle falsamente atribuídos durante ben tempo. Fontenla Leal foi un entusiasta do galeguismo, ao cal se entregou de xeito fervoroso. O nacemento da Real Academia Galega, a bandeira e o noso himno teñen sido méritos a el atribuídos, ora debamos estabelecer certos matices relevantes ao respecto. O himno galego —talvez fose mellor chamarlle prototipo de himno, coa letra de Pondal xa e coa música de Pascual Veiga—, xorde no temperán ano de 1890. A encomenda da letra, feita polo mindoniense ao de Ponteceso para unha “Marcha Rexional Galega”, haberá de ser o inicio de todo. 
Mais como é que se xestou realmente o noso himno? Pascual Veiga, director do Orfeón Coruñés nº4, convoca o 22 de maio de 1890 un Certame Musical, cun apartado de composición que premiaría a mellor “Marcha Rexional Galega”, escrita para orfeón sobre o texto “Os pinos” de Eduardo Pondal. Celebrado o concurso en agosto de 1890, o gañador será un músico catalán, mais cuxa partitura hímnica non foi interpretada como acto final do evento, aínda que tampouco a partitura do de Mondoñedo, que a tiña preparada caso o concurso ficase deserto. Pouco despois, Pascual Veiga abandona a dirección do orfeón e a Coruña para se ir a Madrid, de modo que haberá de ser o pulo dado desde o Centro Galego da Habana –Fontenla Leal en concreto–, o que faga posíbel a consolidación do que habería de ser o himno galego de xeito definitivo. 
Este ferrolán traballaba en Cuba como operario litógrafo e incorporárase rapidamente á vida cultural e política do lugar. Mantivo amizade con Murguía e Curros Enríquez, entre outros, alí na Habana, e o seu incansábel labor por Galiza posibilitou a creación da Real Academia Galega, a institucionalización dun himno galego, a construción do Centro Galego da capital cubana e a existencia da “Revista Galicia”, alén doutros feitos diversos. Terlle solicitado en 1906 unha copia da partitura a Pascual Veiga da súa proposta hímnica propiciará o paso fundamental para a declaración da súa oficialidade en todos os actos do Centro Galego da Habana. O 20 de decembro de 1907, celebrarase unha importante velada no Grande Teatro da capital cubana para honrar a memoria do músico mindoniense. A partir de aquí, o himno pasa a ter presenza en todos os actos oficiais da comunidade galega na illa, reenviando o texto a Galiza en 1909, onde comeza unha rápida expansión. 
A traslación dos restos mortais de Pascual Veiga a Modoñedo (17 de setembro de 1912) significa a primeira interpretación explícita, pública e de xeito solemne en Galiza do himno galego. As Irmandades da Fala (1916) adóptano como himno nacional. Mais a ditadura de Primo de Rivera, primeiro, e a de Franco, despois, fixeran por acalar toda actividade ligada á reivindicación galeguista ou nacionalista, tamén do noso himno, que tanto pulo tiña collido a partir dos tempos da República. Convértese así nun símbolo da loita antifranquista e sobrevive exiliado na conciencia dos cidadáns e nas comunidades galegas en América. Só tras a morte do ditador, en que se produce a súa recuperación, e a consolidación após a aprobación do Estatuto de Autonomía (1981), será fixado por medio da Lei de Símbolos (29-09-1984), xunto coa bandeira e o escudo.  
A día de hoxe, porén, continúa a producirse unha polémica que vén xa de 1996. Alén da amputación propositada que desde algúns sectores se ten feito, reducindo o himno ás dúas primeiras estrofas do poema, un estudo ecdótico e rigoroso do profesor Manuel Ferreiro, concluíra que sucesivas transmisións mecánicas da letra, quer con lapsos, quer con modificacións (in)vonluntarias dos diversos editores lograran adulterar o texto orixinal pondaliano de 1890. Erros de notar como *cinguido por cinxido, *féridos por férridos, *chan por clan, *ronco por rouco e algún outro demandan unha inmediata restauración da literalidade orixinal dos versos. A tal propósito, Pilar García Negro vén de publicar o libro Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa), patentando a necesidade de pór fin a tal atentado e reintegralo á versión lexítima, proposto xa en dúas ocasións (1996 e 2002) sen telo conseguido. En suma, e máis pedagoxicamente se cabe, reclámase de novo nesta publicación e exhórtase a facer xustiza a fin de sermos donos da integridade do noso himno.
 

A propósito do noso himno

Te puede interesar