domingo 05.07.2020

O obradoiro das chalanas

Caso de buscarmos a palabra ‘chalana’ no dicionario, a definición 

Caso de buscarmos a palabra ‘chalana’ no dicionario, a definición aludirá a unha tipoloxía de embarcación pequena e a remo, cuxo fondo é plano, a proa triangular e a popa rectangular (recibe o nome de espello), e que é usada como auxiliar en portos ou nas tarefas de pesca. Unha das particularidades que a distinguen do ‘bote’ propriamente dito, é que este si posúe quilla e o seu fondo, pola contra, é redondo. Aínda se distingue, como algo específico da ría de Ferrol, o chamado ‘bote de media construción’, e diferénciase do bote de orza redonda por ter os pantoques (a zona curva entre o costado e o fondo da embarcación) rectos, coa quilla nin completamente redonda nin tampouco chata. 
No pasado 18 de decembro, a carpintaría de ribeira nun sentido xenérico foi distinguida co premio Artesanía de Galiza. O galardón foi recaer no reputado artesán Domingo Ayaso, construtor de dornas en Aguiño. A traxectoria deste carpinteiro, no que se refire á conservación, transmisión e difusión do patrimonio marítimo galego levouno a ser merecedor deste importante recoñecemento, segundo a fundación que outorga o premio. A importancia do sector artesanal, ora como motor económico ora cultural, vén así ser estimulado por medio deste premio, ademais de fomentar a sensibilización da sociedade a prol destas iniciativas artesanais.  
  Tan logo lemos esta noticia, a memoria de infancia veu estimular e reactivar de pronto en nós momentos ben queridos. Meu padriño, ao cal debo o meu nome, foi carpinteiro de ribeira, ou máis especificamente, se callar, construtor de chalanas, xa desde os catorce anos. Recórdoo desde que teño conciencia traballando arreo na construción destas bonitas embarcacións no que fora a eira da casa matriz, no lugar do Prioiro en Covas, onde Sacundo de Dios e Socorro de Canto fixeran asento e criaran os seus sete fillos, un deles, o terceiro, meu pai. Así pois, a antiga eira onde se trillaba o trigo e se facían os palleiros, fórase convertendo pouquiño a pouco no estaleiro das  embarcacións. Alí fixérase ben axiña unha cabaneta para conter o taller coas ferramentas, lugar en que eu tanto gorentaba xogar ás escondidas e polo que teño recibido máis dunha reprimenda. 
“Cada vez que o recordo. O que xogabamos no obradoiro do padriño! Ás veces, todas a un andar, que até coincidían catro chalanas para construír a un tempo. Que portento el. E mentres a esta colocaba o rodamento de proa, a esoutra o pano de popa, aquela o esqueleto tiña composto, e a cuarta as chumaceiras por terminar. Tratábase do Celso, do mellor carpinteiro de ribeira e con maior fama na redonda. A ribeira, un dicir, unha simple metáfora, pois a eira, onde vai a súa primitiva función!, era hoxe o seu modesto estaleiro”. Da nosa autoría, este fragmento pertence ao relato  “Xogando a piratas”, o cal foi publicado na revista Aunios da Asociación Cultural PiñeirÓns (así escrito polo da illa de Ons) do Grove. A cultura mariñeira é un dos maiores empeños desta asociación, de aí o sentido que pode cobrar a narración, pois non deixa de ser unha pequena homenaxe á carpintaría de ribeira e, en suma, a Enrique de Socorro, o meu padriño. 
Lémbroo de ben cedo coa serra eléctrica co seu peculiar ruído, e até era grato poder espertar con el de fondo, e coas marteladas cadenciosas petando sobre a madeira. As táboas de piñeiro, non obstante, foran despois mudando para aqueloutra madeira de chapa, máis artificiosa, que nin gardaba xa o mesmo olor. Martelo, sarxento, garlopa, serrón, aixola, machado, gramil, cantil, acanalador, escuadra, trencha, escofina, trade, cepillo, etc. formaban o universo das ferramentas. As chalanas, basicamente, ocupaban o seu maior quefacer no obradoiro. Mais de cando en vez, ocasionalmente, era tamén facer un bote ou unha motora que viña para ser reparada. Posteriormente, viñéralle a ansia por experimentar coa fibra de vidro, e até dera en inventar un molde para certo tipo de embarcacións; que el, meu padriño, o que sempre andaba era artellando en mil cousas. 
Mais os oficios tradicionais tenden a ir desaparecendo, caso de non existir un relevo xeracional, tal e como sucedeu con este. Enrique Lorenzo ou Enrique de Socorro, polo nome da súa sogra e avoa paterna nosa, é na actualidade un ancián e a bonita construción de chalanas foi así abandonada. A eira, antonte lugar que acollía o palleiro tras a trilla, onte o obradoiro das embarcacións, é hoxe unha simple explanada que serve para o estacionamento dos automóbiles da casa. Mais levan boa razón, que eu tamén o penso, non crean. Existen hoxe outras graves perdas como os empregados de gasolineiras, os cobradores que viñan polas casas ou os empregados das peaxes nas autoestradas. A tecnoloxía acabou con ben postos de traballo, agora realizados por nós sen mesmo chiar coma se fose a cousa máis natural. Permítanme, porén, que teña saudades destoutro mundo obrigado a ser hoxe peza de museo, pois mentres a memoria alcance, aínda é posíbel que poida seguir a vivir entre nós.

Comentarios