Cataluña, “of course”

Aínda que taducido aquí para a lingua portuguesa, foi o noso presidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen dixo: <>. E preguntaranse vostedes, se cadra, por que fago a tal tradución para alguén que o terá dito en español. Pois porque ditas palabras son extractadas do diario online Sapo24, dun artigo de opinión do amigo Marco Neves, tradutor na Eurologos, lingüista, escritor e profesor da Universidade Nova de Lisboa, quen, alén diso, posúe un excelente blog, Certas Palavras, que vivamente lles recomendo. Ten escrito tamén libros ben interesantes: “Doze segredos da língua portuguesa”, “A incrível história secreta da língua portuguesa” ou a novela “A baleia que engoliu um espanhol”. 
Ora, enfocando a atención no dito polo presidente do Goberno, nin dúbida cabe de que estamos perante un verdadeiro dislate. O propio Marco Neves, con esa maneira tan fantástica que el ten de analizar as cousas, sereno, comedido, rebate dita afirmación, carente de toda base científica. 
Si, señores, todos mentimos un pouco ou facemos afirmacións coa boca pequena cando así nos convén. Somos permisivos e até benevolentes perante certos criterios de autoridade, sempre que corran a favor dos nosos intereses. 
E é que, como animais políticos que somos (permítanme que parafrasee a máxima aristotélica), todos tomamos partido, quer de forma activa, quer de forma pasiva. 
Nada humano nos é alleo (filosofamos de novo parafraseando a Terencio), porque na verdade ninguén pode ser indiferente ao que en Cataluña está a suceder e sucederá após o 1 de outubro, xa sexa nunha xa noutra dirección. E é que un problema non se tapa con outro problema. As ansias de uns e as ansias de outros, ambas en sentidos opostos, preexisten e non deixarán de existir pasado o 1 de outubro. 
Aplícase e aplicarase a lexislación con maior ou menor dureza, pero talvez a idea de lexitimidade que outros se arrogan, e por moito que a Constitución Española os desampare, sexa máis que suficiente para facer ver que o problema continuará a existir a pesar de que sexa freado por medio da lexislación constitucional. A anulación do 9N de 2014 ante o Tribunal Constitucional só durou, como sabemos, tres anos. 
Nin dúbida cabe que existen razóns de peso que avalan a singularidade do pobo catalán, cuxas raíces veñen de séculos atrás, e non só amparadas nun factor simplemente lingüístico, que tamén, senón noutros de índole relevante. 
Así pois, ninguén pode negar que os condados cataláns foron oficialmente formados en 987, despois de que o conde Borrell II se desfixese da vasalaxe que unía a Cataluña con Francia. Mantívose, xa que logo, independente até 1162, data en que foi anexada ao reino de Aragón, de que fixo parte. 
Nacía, deste xeito, unha federación de “estados” medievais (desde 1139 a 1479), até que en 1516 se unen as coroas de Castela e Aragón, por problemas sucesorios na segunda. E por máis que poida parecer que era aquí onde nacía España, o que veu acontecer en verdade foi a unión entre ambas as coroas, as cales seguiron a manter cortes independentes, institucións políticas propias, administracións públicas diferenciadas, así como linguas e moedas. Só con Filipe V, a través dos chamados Decretos de Nova Planta, será cando España xurda como o que finalmente viñemos a coñecer. 
Ao noso entender, e pese ao anteriormente dito, a historia non ten por que ser o aval necesario que teña que xustificar as ansias de independencia, autodeterminación ou de autogoberno dun pobo. Baste con que un conxunto máis que considerábel de cidadáns dun determinado territorio así o ansíe polas causas que fosen. 
Por veces, mesmo as razóns de tipo pragmático ou, simplemente, a incapacidade de saber dar con outro tipo de solución, teñen dado con que territorios que nin sequera o tiñan ansiado nin pedido, cando menos de xeito xeral e formal, acabaron por converterse en novos estados, tal e como ten acontecido, por exemplo, con Macedonia ou Montenegro, con posterioridade ao desmembramento da antiga Iugoslavia. 
Os resultados das guerras, sabémolo, teñen cometido crasos erros, ás veces difíciles de solventar, movendo fronteiras e colectivos humanos mesmo de aquí para alá, de modo que moitas feridas non terminan de ficar cicatrizadas dun xeito definitivo. 
O artificio das fronteiras dos estados, así como a construción dos propios estados, que tan sólidos nos parecen, son fráxiles, pois son xigantes con pés de barro. Esa Europa, esa vella Europa que tan forte nos parece está construída sobre os alicerces de estados, nin con trinta anos de idade algún deles. A idea de nación-estado choca frontalmente con esoutra de nacións inmersas dentro dun territorio estatal bi ou plurinacional, mais este é un debate de longo curso ao que non nos queremos agora referir. 
Acostúmase a falar categoricamente, con máis corazón que razón, cando se fan afirmacións do tipo: “A ver por que aos cataláns lles dá por esta vea de ser como Escocia”, “Os cataláns son unha seita e uns choromicas”, “Cataluña sempre foi parte de España” ou “España é unha grande nación con 3.000 anos de historia e que iso é todo o que teñen que saber os nenos”. 
Ditas afirmacións, recollidas desde 2014, foron feitas en diferentes momentos por persoas do PP. Pero a de “Espanha é a nação mais antiga de Europa!”, que diciamos ao principio, pronunciada polo presidente do Goberno, pertence, porén, a este mesmo ano. Portugal fíxose independente en 1143. Andorra é principado desde o séc.XIII. E España é a tal España desde inicios do séc.XVIII. 
En resumo, certo é que a golpe de lexislación se pode facilmente tumbar e anular a consulta catalá que temos á vista, é legal, mais talvez non sexa lexítimo, unha vez observada a capacidade de convocatoria e convicción que os pro-referéndum teñen montada. 
A Constitución actual non é inamobíbel; non é palabra de Deus ou dogma de fe, xa que foi feita polos homes. Só temos falta de boa vontade, iso é o que temos, única maneira para chegarmos a bon porto.
 

Cataluña, “of course”

Te puede interesar