sábado 29.02.2020

O patrimonio cultural de Ferrol. Preguntas sen resposta

vamos ter unha nova Corporación municipal; preguntemos que vai a facer nos temas de Patrimonio e Cultura. Desta rolda esperemos que o novo responsable de Cultura se dedique ao seu labor, sen pensar na dinamita como o anterior 
Por que Ferrol é incapaz de ter un Museo da Cidade como teñen outras localidades, mesmo de menor entidade que a nosa. Por que ningunha das formacións e partidos políticos ata de agora tivo o valor de se definir neste tema?
Cando nosa urbe vai ter un Museo onde expoñer os bens culturais da Ilustración e do Modernismo, do Patrimonio Industrial, da música tradicional e da relixiosidade popular. Cando Ferrol vai amosar as súas abundosas e espalladas obras de pintura e todo aquilo que forma parte dos sinais da identidade da nosa cidade?
Onde se atopan os fondos documentais perdidos de persoeiros ferroláns do mundo da cultura, Carballo Calero, Torrente Ballester, Fontenla Leal, López Seoane, José de Fano, Benito Vicetto, Ferrer de Couto, Díaz Baliño, Dictinio de Castillo ou Gregorio Baudot, moitas veces fóra de Ferrol, mesmo en coleccións privadas? 
Como se vai reconducir a xestión, ata de agora fracasada, do galardón de Patrimonio da Humanidade? Se cadra xa está ben de rabuñar na néboa e malgastar centos de miles de euros ao longo de dezaoito anos por seis distintas corporacións. Por outra banda, quen poñerá en función o pechado Centro de Documentación do Patrimonio do último andar do antigo Hospicio, unha completa base de datos de 3.000 rexistros de documentos referentes a Ferrol? 
Velaí que vai pasar coa recuperación das dúas rutas históricas da comarca: o Camiño Inglés a Santiago e o Camiño a San Andrés de Teixido? Madia leva que non se incorporen lugares de interese como o santuario da Virxe de Chamorro ou a capela de Santa Comba de Cobas. Quen vai a ser quen de lograr que a valeira Casa do Mar sexa ese necesario Albergue de peregrinos? 
 Deica cando seguirá o continuado peche de notables edificios e instalacións que deberían poñerse en valor? Tanto che ten que falemos dos edificios da FIMO, Aduana, Comandancia de Mariña e Facenda, ou que o fagamos verbo da Telefónica, Residencia de Suboficiais, Sánchez de Aguilera e Cámara de Comercio. 
Dalle que dalle co mesmo conto da estúpida reforma da Praza de Armas. De cando en vez os responsables desta desfeita se decatarán que podería pasar o mesmo que no que se chamou Praza de España? O que onte fora unha verdadeira praza, hoxe é un sumidoiro de disparatadas ocorrencias e de terrible malgasto das sucesivas corporacións municipais
U-lo se atopa o notable escudo municipal do século XVIII, que remataba o edificio do concello de Ferrol no Cantón de Molíns. A pedra de armas de Ferrol da Ilustración, hoxe está colocado de xeito innobre na entrada do presunto Centro Cultural da rúa Concepción Arenal  
Abofé que temos outro exemplo do desleixo do patrimonio cultural: o arrepiante caso do Cristo da Tahona, a peza artística máis antiga de Ferrol cunha figuración única en Galicia. Onde pode atopar este Cristo errante un acubillo relevante, tralo seu triste peregrinaxe?   
Manda truco o tristeiro caso do veleiro Galatea, buque escola da Armada ligado a Ferrol durante sesenta anos, que foi vendido o ano 1982 á cidade de Glasgow, onde hoxe é un atractivo museo marítimo. Como se puido perder esa importante mostra da memoria naval da cidade?  
Secomasí poderíamos preguntar sobre ese previsto Congreso de Patrimonio Industrial que evitase a desaparición de notables edificios como a Fábrica de Lapis ou a Escola Obreira. Ben deita que rematou a imprevisible andaina dos monumentos públicos, segundo lle peta aos rexedores municipais, casos da fonte da Fama, o monolito de Iglesias Brage, o obelisco de Churruca, as desleixadas estatuas de Marte e Júpiter, ou a fonte Wallace 
Tanto che ten a obriga de falar da muralla do Arsenal estendida entre as Portas do Dique e do Parque, unha antiestética barreira que illa á urbe do contorno natural das augas da ría, supón un serio atranco no camiño cara a Patrimonio da Humanidade e impide a visión do Dique da Campá. Cando a Armada vai a encarar seriamente este problema? Xa é hora de facer máis permeables certas zonas destas barreiras sen detrimento da súa seguridade.
 Quen organizou a presentación dunha publicación encol dos maragatos en Ferrol, sen practicamente invitar ao mundo cultural ferrolán?. En troques e xa que logo as perlésicas Asociacións Culturais de Ferrol se chaman andaina, se cadra habería que preguntar se algunha destas entidades podería algún día facer algo a prol da cultura deste pobo? 

O patrimonio cultural de Ferrol. Preguntas sen resposta
Comentarios