Lunes 22.04.2019

Ferrol, fóra de seu. A cidade expoliada

Ferrol, nacida como cidade da Coroa no século XVIII e practicamente deixada da man do Estado desde finais do século XX, debe reflexionar sobre a continua perda do seu patrimonio e identidade cultural, moitas veces levado fóra da urbe, e noutros casos desaparecido por mor do desleixo. En todo caso, cumpre salientar a desidia do Concello na defensa do patrimonio da Terra e Mar de Ferrol. 

Temos fóra de Ferrol o valioso tesouro de Bedoya, achado de pezas de ourivería das épocas castrexa e romana atopado na Graña, hoxe no Museo de Pontevedra. Por culpa do desleixo, o Pazo da Mercede ou Casa dos Bermúdez e a súa capela, notables edificios de época, foron desmontados pedra a pedra e levados desde o barrio de Ferrol Vello ata as localidades de Fazouro en Lugo e Otero de Herreros en Segovia. Do mesmo xeito os notables restos artísticos do convento de Santa Catalina de Montefaro están gardados fai máis de cen anos no museo Arqueolóxico da Coruña. Trátase dun conxunto formado por unha cruz cumial, un escudo brasonado, laudas sepulcrais e capiteis representando anxiños músicos, un deles tocando a gaita, unha notable obra do século XIV.   

Por mor da picaraña, no infausto século XX perdéronse dúas interesantes obras da Ilustración: a antigo edificio do Concello de Ferrol, situado no paseo das Delicias, e o vello casarón dos Caamaño, levantado na rúa Dolores. Non falemos das perdas de construcións do Patrimonio Industrial de Ferrol, o arrepiante caso da Escola Obreira de Bazán, ou os edificios das fábricas da Pysbe, Hispania, Peninsular Madereira e Fenya. 

Perdéronse tamén ou cambiaron de lugar, os escudos brasonados da desaparecida igrexa castrense de San Fernando de Esteiro, do pazo da Mercede, da casa do Legado Carvajal (hoxe Ateneo Ferrolán), e dos desaparecidos pazos da Marquesa de San Sadurniño e dos Montoxo, ademais dos escudos funerarios das igrexas de San Xulián e de San Francisco. 

Que pasou coa memoria da emigración alén do mar da xente de Ferrol, dos homes e mulleres que viaxaron á illa de Cuba: Fontenla Leal, Calixto Loira, Martínez Quelle, Juan Lembeye, Francisco Barcón, os irmáns Novo García, Ramón Plá, marqués de Amboage, e os seus irmáns, entre outros, varios deles repousando para sempre na illa caribeña. Alguén tiña que recuperar a memoria histórica destas xentes de ida e volta. Que pasou co vergoñento traslado a Catabois dos restos mortais e materiais do cemiterio de Canido? A actitude do Concello e da Igrexa foi unha mostra de desprezo cara aos familiares dos falecidos, perdéndose panteóns, tumbas e moitos restos da xente alí enterrada, incluídos persoeiros salientables da historia ferrolá, no apresurado traslado. Mesmo perdeuse o notable cadro do Descendemento de Agustín Robles, que estaba na capela do cemiterio.

Que foi do conxunto dos canóns Vickers de groso calibre, instalados os anos vinte nas baterías costeiras de Montefaro, Campelo, Prior e Prioriño, protexendo a Base Naval ferrolá. Foron vendidos como chatarra na vez de conservalos como atractivo turístico nos seus emprazamentos de excepcionais vistas atlánticas, como fixeron noutros lugares. 

No que atinxe ao maltratado Parque Municipal, onde se atopa o desaparecido monolito que lembraba a travesía do Atlántico o ano 1929 polo aviador ferrolán Iglesias Brage. Onde levaron as simpáticas esculturas do Neno da Oca e do Neno do Delfín, situadas no estanque do parque e que serviron de fondo para a fotografía de tantos nenos e nenas ?. Que pasou cos desaparecidos bustos de Concepción Arenal e Bello Piñeiro ?

Onde se atopan as perdidas tallas da Semana Santa, entre outras o paso da Última Cena con trece figuras da capela de San Roque, ou a  imaxe da Virxe Blanca da confraría da Mercede? Que foi da perdida imaxe orixinal do fornelo da Porta do Arco en Ferrol Vello? Un caso abraiante foi o dos dos interesantes obxectos que no seu día puideron formar a colección do Museo do Teatro Jofre, hoxe arrombados nun galpón pola culpa dun perverso persoeiro do Concello de Narón. 

Cumpre rematar co triste caso do veleiro Galatea, que, despois de máis de sesenta anos como buque escola da Armada con base en Ferrol, foi levado primeiro a Sevilla e logo, o ano 1993, ao peirao de Glasgow como museo flotante. Perdeuse así para Ferrol un buque que conservaba nosa memoria naval, quedando como lembranza na cidade o seu artístico mascarón de proa e algunha canción en ritmo de polca no imaxinario popular.

Ferrol, fóra de seu. A cidade expoliada
Comentarios