lunes 17.02.2020

O continuo maltrato do escudo de Ferrol no centro cultural municipal

Segundo escribe Montero Aróstegui na súa “Historia de Ferrol”, o Concello ferrolán acordou na sesión municipal celebrada o 22 de xuño de 1778, “que el escudo de armas de la villa consistía en una torre con su farol, cañones, baterías y anclas”. Máis tarde, o ano 1845 agregouse ao escudo a nova bandeira da cidade, axadrezada en branco e azul. 
Aínda que as primeiras representacións do brasón municipal apareceron no ano 1784 na fonte de San Roque e o ano 1786 na fonte-obelisco da Fama, foi o ano 1787, durante o mandato do alcalde Álvarez Caballero, cando colocouse un amplo escudo de armas de Ferrol coroando o frontis da antiga Casa Consistorial do Paseo das Delicias (hoxe Cantón de Molíns), edificio neoclásico tristemente derrubado na década dos anos 1970. 
Este escudo de armas que presidiu a fachada do antigo Concello de Ferrol foi rescatado do seu esquecemento e estivo exposto de forma axeitada sobre unha peaña á vista pública no patio cuberto do Centro Cultural Municipal nos últimos anos nos que Bonifacio Borreiros ostentou o cargo de Concelleiro de Cultura, anos 2000-2003, axeitada decisión tomada a petición, entre outros, de membros deste Foro.
Posteriormente o escudo municipal de Ferrol da Ilustración estivo abandonado á intemperie, quedando sometido aos rigores atmosféricos no solo do xardín exterior do Centro Cultural, xunto con outras pezas de interese, dándose o estúpido paradoxo de que os responsables de xestionar a petición de Patrimonio da Humanidade para Ferrol, permitisen o abandono do símbolo máis representativo da cidade ilustrada do século XVIII.
Despois de diversas vicisitudes colocouse o escudo de Ferrol nun esquinal da entrada do Centro Cultural como un adobío máis do mesmo, chegando a ter colocado na súa parte alta un cinceiro para uso de fumadores. E alí sigue hoxe en día, esquecido de xeito descoidado, recibindo aos visitantes do Centro Cultural, sen a menor indicación de que se trata dunha labra do século XVIII. 
Tanto na súa descrición orixinal como nas súas primeiras versións, o escudo de Ferrol carecía de timbre de remate. Estudando de xeito detido a devandita labra heráldica da porta de entrada do Centro Municipal semella que no seu día puido levar esculpido como timbre na súa parte superior unha pouco apropiada coroa, neste caso marquesal, cando non procede de ningunha maneira que leve colocada ese tipo de coroa unha vila de reguengo como a Cidade Ilustrada. 
Precisamente este remate erróneo dunha coroa marquesal foi usado máis tarde nunha coñecida representación tradicional do escudo de Ferrol, datada a finais do século XIX, que serviu logo de modelo á maioría das representacións oficiais do escudo da cidade, tanto nos letreiros das rúas da urbe como nas placas de diversos monumentos. 
Moito máis acertada semella a representación do escudo heráldico de Ferrol colocado na parte alta do edificio de Correos e Telégrafos, unha obra levantada en plena Segunda República. Exemplarmente conservado durante a época franquista, o brasón ferrolán, con tódolos atributos que lle corresponden, se coroa co axeitado timbre dunha coroa mural republicana. 
En recentes datas os historiadores locais Carlos de Aracil y Juan J. Burgoa publicaron na revista FerrolAnálisis a historia do escudo de Ferrol, dando conta destes e outros avatares do brasón municipal. Entrementres o anódino edificio actual do Concello de Ferrol amosa no seu frontón un estraño escudo da cidade, fora de toda norma heráldica, soportado lateralmente, a modo de tenantes, por dúas sirenas que se supón deleitarán con seus cantos aos munícipes ferroláns.
 

O continuo maltrato do escudo de Ferrol no centro cultural municipal
Comentarios