lunes 17.02.2020

Cen anos de Modernismo en Ferrol

O Modernismo foi un singular movemento artístico, posiblemente o que ao longo das primeiras décadas do século XX mellor se adaptou nas súas formas e volumes ás construcións do barrio da Magdalena, fornecendo un valor engadido ao racional clasicismo imperante no centro histórico ferrolán. 
Unha característica diferencial do modernismo ferrolán foi o feito de incorporar en moitas das súas construcións a tradicional galería dazaoitesca, na súa triple utilidade de protección térmica, de zona de estar e miradoiro a rúa, e de singular elemento decorativo da fachada. 
Aínda que os arquitectos Julio Galán e Pedro Mariño aportaron algunha obra á cidade, a grande maioría das construcións que o modernismo deixou en Ferrol levan a firma de Rodolfo Ucha Piñeiro, nacido en Vigo o ano 1882, exercendo o cargo de Arquitecto Municipal de Ferrol entre os a nos 1908 e 1936. 
Despois dunha etapa na que traballou fóra da cidade, o ano 1952 regresou a Ferrol onde exerceu a súa profesión de forma particular ata o ano 1976, falecendo o ano 1981.
  Anque proxectou tamén notables obras dentro do Eclecticismo, Art Decó y Racionalismo, foi no Modernismo onde Rodolfo Ucha amosou a súa mestría de deseño e atinxiu os seus maiores éxitos. Precisamente entre os anos 1910 e 1925, ou sexa cando agora se están a cumprir cen anos, levou a cabo as súas obras más xenuinamente modernistas, que podemos ver no casco histórico de Ferrol,  comezando pola casa Romero e o Hotel Suizo, seguindo polas casas Munduate, Pereira e Brañas, o edificio do Correo Gallego, os chalés de Antón e Canido, e rematando po la fachada do Teatro Jofre e o Casino Ferrolano.
 Varias publicacións amosaron a ampla obra modernista de Rodofo Ucha Piñeiro en Ferrol, entre outras un Catálogo editado o ano 1979 polo Colexio de Arquitectos de Galicia sobre unha exposición do arquitecto vigués; a completa obra de Bernardo Castelo sobre arquitectura civil ferrolá 1900-1940; e a publicación sobre o centenario del nomeamento de Rodofo Ucha como arquitecto municipal, editada el año 2009 pola Fundación Ferrol Metrópoli. 
Mesmo o órgano oficial da Ruta Europea do Modernismo, a revista catalá Coup de Fuet, publicou o ano 2008 un traballo de Juan J. Burgoa sobre “Rodolfo Ucha, un innovador de amplos rexistros”, dando a coñecer en toda Europa a súa obra.
Xunto coa Ilustración, o Modernismo constitúe unha das sinais de identidade de Ferrol. As diferentes corporacións que se sucederon no Concello de Ferrol trataron de poñer en valor con desigual fortuna unha Ruta do Modernismo que percorre os principais edificios que Rodolo Ucha construíu no barrio da Magdalena. 
O novo Concello que salga das próximas urnas, se fose capaz de acometer esa necesaria e demandada obra dun Museo da Cidade, ten a ocasión de incluír no mesmo unha sala dedicada ao Modernismo como esa sinal de identidade de Ferrol. 
Perdeuse a ocasión de homenaxear a Rodofo Ucha por mor do centenario da súa obra modernista, editando unha publicación institucional dándoa a coñecer, publicación que xa estaba practicamente lista, pero a tradicional desidia en temas culturais e a indolencia dos responsables da Deputación Provincial coruñesa impediron a súa  difusión. Aínda se ten a ocasión de facer unha cumprida homenaxe a Rodolfo Ucha Piñeiro, nomeándolle Fillo Adoptivo da cidade, título do que é moito máis merecente que outros persoeiros que todos coñecemos.
 

Cen anos de Modernismo en Ferrol
Comentarios