sábado 29.02.2020

140 anos do Ateneo Ferrolán. ¿Foro de opinión ou pensamento unificado?

É importante salientar o papel que deben cumprir na sociedade actual as asociacións culturais, tanto no seu labor de foros e creadoras de opinión como de interlocutoras sociais da Administración, especialmente do Concello. Neste aspecto en Ferrol atópanse rexistradas un grande número de asociacións, mais na realidade moitas delas practicamente deixaron de levar a cabo as debidas actividades culturais. 

Hai una dobre razón para iso. A primeira é o escaso apoio do propio Concello, que procura “externalizar” as súas actividades culturais, mediante o uso de entidades interpostas e alleas á cidade, ben por amiguismo, ben por certa crenza de que iso da máis prestancia e interese ás súas actividades. 

A segunda razón é a vida a menos das entidades culturais da cidade. Do mesmo xeito que se está a producir un envellecemento da poboación, moitas asociación non son capaces de atopar o necesario relevo de xente nova coas apropiadas ideas na súa directiva.

Neste contexto, unha histórica asociación cultural da cidade, o Ateneo Ferrolán, celebrou os 140 anos da súa fundación. Segundo a publicación de Guillermo Llorca “Os Ateneos na súa historia”, a primeira entidade deste nome comezou as súas actividades o 6 de febreiro de 1879, tendo, por diversas razóns, a efémera duración de as penas un ano. Nas tres seguintes etapas de funcionamento (anos 1903-1917, 1931-1936 e desde o ano 1976 ata o día de hoxe), baixo diferentes circunstancias políticas e sociais, tivo unha importante presenza na vida cultural de Ferrol, presidido por personaxes prestixiosos como Andrés Comerma, Emiliano Balás ou Santiago de la Iglesia.  

Despois de comezalas súas actividades na rúa Gravina, a sede do Ateneo pasou por diferentes lugares ata que o ano 1976 a entidade ocupou o chamado edificio do Legado Carvajal na rúa Magdalena, unha ampla e señorial construción da época da Ilustración. Entre as actividades máis importantes desta última etapa estivo a creación dunha completa Biblioteca, uns 10.000 volumes, unha Hemeroteca, máis de 450 cabeceiras de prensa e revistas, fai poucos anos dixitalizada pola Fundación Barrié, e unha colección dunhas 300 obras pictóricas, constituíndo todo iso un importante patrimonio cultural de Ferrol 

Do mesmo xeito, durante anos a entidade publicou a revista mensual “Atenea” e de forma periódica os “Cadernos do Ateneo Ferrolán”, publicacións que gozaron dun merecente prestixio.  
Cumpre salientar o interese dos seus derradeiros Cadernos: “Ría de Ferrol”, “Ferrol: cidade da Ilustración”, notable traballo sobre Ferrol do século XVIII, e “A construción naval na ría Ferrol”, coa colaboración de significados autores ferroláns. 

O edificio sufriu o ano 2012 unha completa rehabilitación, non exenta de polémica, trala que se acordou que varias entidades culturais e veciñais compartisen a súa utilización co Ateneo Ferrolán. Aínda que se respectou a prioridade de uso das instalacións pola parte do Ateneo, a escasa sensibilidade dos entón responsables culturais do Concello e a pouca disposición de tódalas entidades involucradas, mesmo o propio Ateneo, fixeron fracasar o que en principio semellaba unha boa idea. 

Como resultado das obras realizadas perdeuse tamén o notable patrimonio cultural da súa Biblioteca, Hemeroteca e Pinacoteca, sen que ata de agora frutificasen as xestións municipais para a súa recuperación. Ademais, por diversas razóns, deixaron de editarse as interesantes publicacións antes citadas. 

En pasadas datas se levou a cabo unha modesta e griseira celebración deste 140 aniversario. Non obstante, esperemos que o Ateneo Ferrolán volva a ser un respectable “Foro de Opinión” e non se converta, como está a pasar con moitas envellecidas entidades ferrolás, nunha “Plataforma de Pensamento Unificado”.

140 anos do Ateneo Ferrolán. ¿Foro de opinión ou pensamento unificado?
Comentarios