sábado 26/9/20

A secular festa dos maios de Canido

O barrio de Canido conserva un secular Patrimonio cultural baseado en arraizadas tradicións, caso da Festa dos Maios, procedendo os seus  ritos e cerimonias de antigos cultos de orixe agrario. A Igrexa, coa oportunidade e o sincretismo que lle caracteriza, integrou dentro dos seus ritos relixiosos eses antigos costumes, convertendo Maio no mes das Flores e adoptando como súa a festividade da Santa Cruz. 

Aínda que as maneiras da celebración dos Maios son variables nos diferentes lugares, teñen en común o feito de festexar o fin do inverno e o comezo da primavera, coa floración e frutificación dos vexetais. Trátase dunha festividade popular, de especial relevancia en Galicia, tendo unha longa tradición súa celebración no barrio ferrolán de Canido entre os días 2 e 5 de Maio.

Esta festividade maniféstase celebrando a Festa da Santa Cruz co mantido costume de adobiar con flores e follas o secular cruceiro da praza de Canido, enfeitar as rúas con motivos florais e levantar pequenos altares con motivos vexetais na praza da Tafona e nas rúas Alegre, Alonso López, San Diego, Estrela, Insua e Perez Parallé, que van atraendo aos visitantes que gozan das figuras e adornos florais propios dos Maios.

Un dos puntos de referencia e sinal de identidade do barrio alto da cidade constitúeno o Cruceiro da praza dos seu nome. A cruz de pedra, caída e levantada varias veces,  preside as festas de Maio. Hoxe continúase adobiando o cruceiro de Canido con abondosos motivos florais como tradicional celebración destas festas profanas e agrarias que saúdan a chegada da Primavera.  

Segundo o crego Souto Vizoso o primeiro cruceiro de Canido foi bendito, en presenza de Fernán Pérez de Andrade, o 3 de Maio do ano 1387. Montero Aróstegui na súa Historia de Ferrol escribe que o ano 1679  se levantou un novo cruceiro figurado na praza de Canido, erguéndose o ano 1839 o terceiro cruceiro de pedra, un esmerado exemplar de factura neoclásica. 

Leandro de Saralegui escribe que o 3 de Maio de 1909 se bendiciu un novo cruceiro, obra de Rodolfo Ucha. O cruceiro, adobiado coas efixies de Cristo e a Virxe das Dores, foi derrubado durante os convulsos tempos da Segunda República. En Maio do ano 1938, levantouse o actual cruceiro da praza de Canido, unha obra de bo porte, feita de fina pedra de grá, coas imaxes do Crucificado e a Virxe da Piedade.  

De acordo ás devanditas consideracións, o cruceiro actual sería a quinta obra de pedra levantada na praza do Cruceiro ao longo de máis de seiscentos años, amosando a súa secular persistencia no tempo dunha tradicional cruz de pedra no lugar onde aínda se está a celebrar a antiga festa relixiosa da Santa Cruz o día 3 de Maio.  

Os poetas ferroláns dedicaron os seus versos ao cruceiro de Canido. Temos por exemplo un soneto en castelán do poeta Manuel Masdías, dedicado ao cruceiro. Nun longo poema en galego, o poeta de Canido, Xosé María Pérez Parallé dedica os seus versos ao cruceiro da praza. Así mesmo a poeta e académica Xohana Torres, que viviu no barrio alto ferrolán, lembra nunha das súas composicións a cruz de pedra de Canido:

 Precisamente acaba de presentarse en Lugo o libro de relatorios do IX Congreso Galego de Cruceiros. Neste congreso presentou un traballo dando a coñecer a longa historia destes cruceiros da praza de Canido o escritor ferrolán Juan J. Burgoa, membro deste Foro de Amigos de Ferrol.

Comentarios