Un premio ao barrio de Canido. Falamos de tradición ou de modernidade?

anido, o barrio alto de Ferrol, o barrio de Fontenla Leal, Alonso López, Emiliano Balás, Pérez Parallé e Xohana Torres, pero tamén de Maruxiña e Pimborete, acaba de recibir o premio “Mellor barrio galego do 2019”, concedido pola TV de Galicia. 
Ferrol naceu como cidade ilustrada no século XVIII arredor do Arsenal Militar, cos novos barrios da Madalena, burgués e funcionario, e Esteiro, obreiro e traballador, unidos ao de Ferrol Vello, mariñeiro e pescador, pola que outrora fora unha belida Alameda. Pola contra, o barrio de Canido formouse de xeito paseniño, cunhas casiñas espalladas ao longo dun vello camiño que subía desde a capela de San Roque contra o outeiro de Canido e logo baixaba pola aba de poñente, pasando pola Fonte de Insua, cara a enseada da Malata. 
Ao contrario de Ferrol Vello, dedicado á pesca e á salgadura de peixe, Canido tivo orientación agraria e labrega, coas súas vivendas terreas cercadas de leiras e hortas para o cultivo da vide e os cereais. Mantendo súa configuración arredor da praza do Cruceiro, encrucillada inmemorial e corazón latexante do barrio, conserva algunhas vivendas populares e recantos tradicionais como o Corral de Chapón ou a Casa do Pobre. Suxestivos topónimos lembran a súa historia: Praza da Tahona, Cangrexeiras, Muiño do Vento, Maiola, Estrella, Praza do Cruceiro, Miramar e O Raposeiro.
Hoxe modernas construcións como a urbanización Marqués de Amboage ou avenidas como as rúas Alegre e Pérez Parallé intégranse con obras como o Chalet de Canido, obra de reminiscencias indianas de Rodolfo Ucha, a antiga Residencia de Suboficiales, largacío edificio da praza de Canido, coherente mostra de estilo racionalista, ou a parroquial de San Rosendo, sobria capela neoclásica do antigo cemiterio de Canido.
Na Praza do Cruceiro un lanzal exemplar coas imaxes de Cristo e a Piedade mostra a secular permanencia destas obras da arte popular, mentres non atopa acougo unha sobranceira cruz gótica, o errante Cristo da Tahona, despois de ser durante moitos anos unha sinal de identidade de Canido. No seu lugar unha mente quenturenta falou de chantar un cereixo xaponés; cecais fora mellor unha guindeira do país, mesmo con algúns melros.
Canido conserva un singular Patrimonio intanxible baseado en arraizadas tradicións herdadas da súa orixe rural, celebrando os Maios e a Festa da Santa Cruz, costumes que son a herdanza de antigos cultos agrarios conservados nas comunidades agrícolas europeas, que a Igrexa, co seu secular sincretismo, integrou dentro dos seus ritos relixiosos.  
Hoxe o vello costume de adobiar con flores e follas o antigo cruceiro da praza de Canido ou de levantar pequenos altares e figuras vexetais nas rúas do barrio, coexiste coa moderna iniciativa de “Arte na rúa” dos pintores Avelino Castro e Eduardo Hermida, enchendo de pinturas as súas rúas, nun intento de posta en valor do barrio e de humanización dos espazos degradados. En resumo, ambos traballos, xuntos pero non revoltos, constitúen un exemplo de tradición e modernidade para o resto de Ferrol. 
  Fai poucos meses editouse un libro sobre o barrio de Canido, unha completa publicación onde o seu Patrimonio Histórico quedou reflectido nunha visión multidisciplinar de vinte catro estudosos e estudosas. O libro incorpora unha serie de traballos sobre a súa historia e o urbanismo, a súa etimoloxía, as antigas murallas, o vello cemiterio e a súa capela, os monumentos e  as construcións singulares do barrio, as festas, os xogos e os costumes, rematando cunha escolma literaria e poética sobre o barrio alto.
Agora é o momento dos políticos, dos urbanistas e dos xestores, que teñen que rehabilitar, restaurar e mesmo remodelar o barrio, as súas rúas, as súas vivendas e as súas construcións emblemáticas. Ogallá que este galardón concedido pola TV de Galicia sirva para algo máis que para saír na prensa e e que poida axudar a que as entidades culturais e veciñais do barrio esperten do seu sono, e dean a coñecer e poñan en valor o Patrimonio Histórico de Canido.

Un premio ao barrio de Canido. Falamos de tradición ou de modernidade?

Te puede interesar