As pinturas de Bello Piñeiro no Casino Ferrolano

Unha das obras de maior interese en Ferrol do arquitecto Rodolfo Ucha é o edificio modernista do Casino Ferrolano, construído o ano 1925, dando fronte ás rúas Real e Dolores. Usando o formigón armado por primeira vez en Ferrol, o arquitecto vigués levantou un edificio de decoración novecentista, organizado arredor dun patio central. Dispón de tres plantas con ventás e balcóns balaustrados e unha elegante cúpula de remate. Salienta tamén o seu notable e decorado interior: o salón de festas, o comedor e o patio interior.

De grande interese é a Sala de Conversacións da planta baixa do Casino, un espazo de reunión onde os seus teitos e paredes aparecen adobiados cunhas simbólicas pinturas murais modernistas de Felipe Bello Piñeiro, únicas no seu xénero en Galicia, realizadas en varias etapas, entre os anos 1925 e 1936. Esta decoración mural constitúe unha homenaxe á paisaxe natural de San Andrés de Teixido. 

Trátase dun singular conxunto decorativo modernista, dentro dunha concepción panteísta do autor, que recrea no seu traballo a paisaxe galega e as súas especies vexetais. O teito aparece recuberto dunha decoración vexetal, con predominio de tons verdes, ocres e dourados, que alterna casetóns decorados con debuxos de entrelazos célticos e outros símbolos, xunto con representacións de flores, follas e froitas de emblemáticas especies autóctonas de Galicia como o toxo, o piñeiro, o carballo e o castaño. 

Outros paneis amosan expresivas paisaxes da ribeira da ría de Ferrol e do espazo natural do santuario de San Andrés de Lonxe, tradicional lugar de peregrinación da comarca, ademais de variados elementos simbólicos. Salientan dúas representacións diferentes do propio apóstolo San Andrés, ambas de carácter popular. Como detalle de interese, nun lateral do teito aparece unha dedicatoria manuscrita del autor, onde escribe “un nombre de mujer que no diré nunca y por el cual toda Galicia está representada aquí”. Desta maneira o pintor indica que non quere dar a coñecer o nome da muller que foi o atormentado amor da súa vida.

Esta singular obra foi estudada por José Leyra e Andrés Mosquera en senllos traballos dos anos 1969 e 2004. Con posterioridade, a prestixiosa revista catalá Coup de Fuet, órgano oficial da Ruta Europea do Modernismo, publicou el año 2006 un completo traballo da Fundación Ferrol Metrópoli onde deu a coñecer a toda Europa o edificio modernista do Casino Ferrolano e as singulares pinturas de Bello Piñeiro na Sala de Conversacións.

Este mesmo ano o historiador ferrolán Juan J. Burgoa publicou a súa obra “De Santa Comba de Covas a San Andrés de Teixido”, sobre os diferentes camiños de romaría que levan a San Andrés de Lonxe. Na súa publicación dedicou un capítulo a describilas pinturas murais de Bello Piñeiro no Casino Ferrolano, reproducindo varias das figuras e representacións simbólicas que aparecen no teito e paredes da Sala de Conversacións.
De volta ao edificio do Casino cumpre sinalar dúas circunstancias que desde fai varios anos afean e deslocen esta notable construción de Rodolfo Ucha e que se deberan corrixir. A primeira é o pouco axeitado toldo da fachada principal da rúa Real, que semella máis propio dunha pulpería ou dunha churrasquería que dun edificio modernista desta categoría. A segunda refírese á deslucida porta de entrada traseira na fachada da rúa Dolores, incluíndo o estreito e antiestético vestíbulo interior de entrada, outro detalle impropio deste singular edificio.

As pinturas de Bello Piñeiro no Casino Ferrolano

Te puede interesar