Os escritores de Ferrol fóra de Ferrol

Ferrol foi o lugar de nacemento de coñecidos escritores e escritoras, tanto en lingua galega como castelá. Non obstante, por diferentes razón, moitas veces o seu legado cultural (biblioteca persoal, manuscritos, correspondencia) atópase fóra da nosa cidade. 

O mesmo pódese dicir dos legados doutros estudosos ferroláns do mundo da medicina, da historia natural ou da música. Cumpre dicir que en moitos casos trátase de decisións dos seus familiares, quizais por considerar máis axeitadas para a súa garda e custodia entidades ou lugares alleos a nosa cidade.  

Relativamente recentes son os exemplos dos notables  escritores ferroláns Carballo Calero e Torrente Ballester, falecidos na derradeira década do século XX, cuxos fondos documentais e bibliográficos se atopan fora da súa cidade natal. 

O variado legado de Carballo Calero levouse o ano 1997 ao Parlamento de Galicia en Santiago, mentres que pasara o mesmo caso con Torrente Ballester cunha similar documentación que se atopa desde o ano 2003 na sede da Fundación do seu nome, moitas veces pechada, nunha rúa do casco histórico de Santiago.

Fai tamén pouco tempo que coñecemos pola  prensa que o arquivo persoal e a biblioteca do escritor ferrolán en galego e castelán, Dictinio de Castillo-Elejabeytia, intendente da  Armada e correspondente da Real Academia Galega, falecido o ano 1987, foi cedido pola súa familia á Comunidade Autónoma de Murcia. 

Do mesmo xeito o legado documental, integrado por máis de 4.000 volumes, do médico e intelectual mugardés Sixto Seco, persoa moi ligada a Ferrol, falecido o ano 2004, seguiu un similar camiño, desta rolda atopándose nalgún lugar da Cidade da Cultura do Monte Gaiás de Santiago.

A rentes do anterior, cumpre citar o caso do prestixioso naturalista ferrolán Víctor López Seoane, que estudou a carreira de Medicina traballando logo no Hospital de Mariña de Ferrol.

Desenvolveu un importante labor no eido da historia natural, e a súa morte, no ano 1900, os seus importantes fondos e coleccións foron doados ao Concello de A Coruña, que os repartiu entre o Museo coruñés das Ciencias e outros museos, onde se atopan gardados con desigual fortuna. 

O mesmo podemos dicir do legado doutra ferrolá, Ángeles Alvariño, precursora da investigación oceanográfica mundial, falecida en California o ano 2005 e do músico afincado en Ferrol, Gregorio Baudot, cuxo legado se atopa actualmente no Museo de Pontevedra. 

Outro caso é o do prestixios o intelectual ferrolán José Fontenla Leal, creador do Himno Galego e grande impulsor da cultura galega en Cuba. 

A súa ampla biblioteca persoal, incluíndo unha colección de cartas e poemas inéditos, estaba considerada a máis importante de carácter galego existente na Habana. A súa morte, o ano 1919, esta biblioteca foi doada polo seu fillo á Real Academia Galega na Coruña. 

Cumpre rematar esta lista con outros moitos exemplos de legados de sobranceiros escritores e intelectuais ferroláns que hoxe se atopan fóra de Ferrol, nalgúns casos practicamente perdidos e noutros casos espallados por diversos lugares, casos de Benito Vicetto, Díaz de Robles, Ferrer de Couto, Saralegui Medina, Alberto Camino, e o caso moito máis recente do poeta Pérez Parallé, o segrel de Canido. 

Noutra ocasión poderíamos seguir falando dos artistas e dos pintores, comezando por dous nomes ferroláns de sona nacional: Jenaro Pérez Villamil e Fernando Álvarez de Sotomayor, ámbolos-dous cunha obra practicamente testemuñal na súa cidade natal. Ao caso da obra dos pintores ferroláns gardada fóra da nosa cidade hai que engadir outros múltiples exemplos do Patrimonio Cultural que se atopa fóra de Ferrol. Entre eles pódense citar desde o Tesouro castrexo de Bedoya, hoxe depositado no Museo de Pontevedra, ata a fachada do pazo da Mercede de Ferrol Vello, transportada pedra a pedra a unha localidade de Segovia.

Os escritores de Ferrol fóra de Ferrol

Te puede interesar