Canido en festas: quen te viu e quen te ve

Canido está de festa. O barrio alto de Ferrol formouse de xeito paseniño desde o medievo, sendo de sempre un barrio de orientación agraria e labrega, de vivendas terreas cercadas de leiras e hortas, moitas delas dedicadas ao cultivo da vide e os cereais. Todo iso explica que este barrio ferrolán aínda conserve uns ritos e costumes propios do mundo rural.
Arredor da encrucillada da praza do Cruceiro, corazón latexante do barrio, suxestivos topónimos lembran a súa historia: praza da Tahona, Fonte de Insua, Brisas de Canido, Cangrexeiras, Muiño do Vento, Maiola, Marola, Estrela, praza do Cruceiro, Corral de Chapón, Miramar, Alegre, Ribas de Abaixo e Costa do Raposeiro. Neste último lugar aínda hoxe pódese ler nunha placa “Aldea de Canido”. E a todo isto, seguen sen poñerlle nome cabal ao amplo xardín que algúns espilidos chaman Parque da Fenya. 
A prolongación cara ao norte das rúas transversais da Madalena: San Diego, Hospital, Terra e A Coruña, foi o xermolo do crecemento do barrio a comezos do século XIX. A partires do ano 1930 o novo trazado da rúa Alegre foi o eixo de expansión de Canido, coa creación das parroquias de Santa Cruz e San Rosendo xa nos anos 1960. Nas últimas décadas modernas urbanizacións e amplas rúas como Pérez Parallé danlle unha nova fisionomía ao barrio. 
En Canido viviron coñecidos persoeiros ferroláns, aquí nacidos ou de adopción: Fontenla Leal, Emiliano Balás, os López Bouza, Pérez Parallé, Carmelo González, Xohana Torres e González Collado, mais tamén albergou nas súas rúas persoeiros populares como Pimborete, o enxeñoso cazador de gatos, ou Maruxiña, aquela entrañable señora de “nunca cheghamos a ricos”. 
No seu aspecto material, mentres aguanta como pode o secular cruceiro da praza de Canido, desapareceu da vista pública a xoia medieval do Cristo da Tahona, que os sucesivos e pouco dilixentes gobernos municipais non son quen de poñer en valor. Derrubaron a fábrica de Fenya e o Depósito de Auga, antigo faro do barrio, desapareceu o vello cemiterio de Canido, o primeiro camposanto galego da Ilustración, e seguen a arrastrala súa desfeita a Casa do Pobre o Corral de Chapón e a Casa do Patín. Do fermoso Chalé ecléctico-modernista de Sisto se anuncia a súa conversión nun hotel de calidade, mais o primeiro que fixeron foi arrasar o seu fermoso xardín colonial. 
Canido conserva un singular Patrimonio intanxible baseado en tradicións de gran raizame no mundo rural, celebrando aínda hoxe a Festa dos Maios. Os ritos e costumes destas festas son a herdanza de antigos cultos agrarios conservados nas comunidades agrícolas, que a Igrexa, co seu acostumado sincretismo, integrou dentro dos seus ritos relixiosos, convertendo Maio no Mes das Flores e facendo súa a festa da Exaltación da Santa Cruz. 
Segue o mantido costume de adobiar con flores e follas o vello cruceiro da praza de Canido, de colocar ramos nas vivendas e de erguer pequenos altares e figuras vexetais nas rúas do barrio, mentres os nenos cantan as coplas tradicionais, se cadra facendo bulra das institucións e das persoas.
No barrio pódense visitar diferentes variantes dos Maios humanos ou viventes, as Maias (versión feminina), os Maios de altar, os Ramos protectores e os Arbres de Maio (adobiando fontes ou cruceiros). Todo isto constitúe un sobranceiro exemplo de posta en valor do barrio e de humanización dos espazos urbanos en perigo de degradación, así como un exemplo de conservación dunha tradición galega. 
Canido está de xolda. Porén, agora vemos outro Canido: o da Poesía Salvaxe, o das rutilantes Meninas, o do Tanatorio do Centro Cívico, o das prazas e rúas de perigosos bolardos e maceteiros. Deixemos este novo Canido para os coñeros contacontos do Concello, os facareños activistas culturais e os profetas posmodernos ferroláns. 
 

Canido en festas: quen te viu e quen te ve

Te puede interesar