De datos e alturas

No mes de Xuño morreu 1 de cada 7 persoas que tentou cruzar o Mediterráneo. Non podo entendelo. Demoledor e ferinte. Algo está a suceder nesa área do mundo, algo tan terrible e dramático  que leva a miles de persoas a arriscar a vida para poder ter vida. Un mar que nunca foi fronteira senón vía de relación e cultura, hoxe está convertido nunha terrible fosa. 
E ás sociedades occidentais semella non importarlle demasiado. Hai unha especie de deixación de responsabilidades, e incluso moitos miran para outro lado. Tan só preocupa o ocio, os excesos, e vivir o mellor posible tendo  as mínimas cargas e sacrificios. Chegan a Europa coma poden buscando unha vida. Ou algo parecido a ela.  
Caen en todo tipo de explotacións, mafias, redes e sofren travesías agónicas que  moitas veces, rematan en mortes innecesarias e perfectamente evitables. Dicía  o Poeta García Montero:” non coñezo unha dor que non mereza ser compadecida”. 
É radicalmente certo, pero ventos de racismo e xenofobia volven a recorrer Europa. E valores alleos aos que crearon as grandes nacións e os grandes ideais, dirixen o mundo. Novamente impera o pensamento básico, aquel no que nos pensamos os mellores e de que todo o malo chega de fóra. Isto aplicado sen razón nin reflexión, crea sociedades nas que ven inimigos onde só hai muíños de vento, e así abonan sentimentos de superioridade racial e cultural,  que non teñen nin xustificación nin razón de ser.  Por iso agradezo e aplaudo a decisión do Presidente Sánchez, por humanitaria, excepcional e valente. De altura.
Viven en ti as respostas a todas as preguntas –dixo El– os mundos completos e brillantes quedaron a vivir contigo. Nada do que importa existirá nunca sen ti...
 

De datos e alturas

Te puede interesar