Das palabras fermosas

Foi cuestión de tempo. Demasiado tempo acaso. Hoxe é unha liña de forza na definición dos idearios progresistas. A Igualdade xa non é un apartado máis nun programa electoral. 
Empeza a ser un clamor real dunha sociedade que entende como compromiso colectivo, o feito da erradicación da brecha salarial, a violencia e a desigualdade de oportunidades entre sexos. 
Nestes días as concentracións e as manifestacións, ateigan as rúas de pobos e cidades. Entusiasmo, colorido e cánticos reivindicativos visten de esperanza o presente e fala mellor do futuro. E coma común denominador, a cantidade de xoves que comparten e defenden a posición da loita pola Igualdade e a denuncia de todo tipo de abuso e discriminación. 
Aínda falta moito, pero faltou xa moito máis. Hai datas que rememoran voces que nunca desaparecerán; voces que clamaron no deserto da incultura e a incomprensión, e pagaron coas súas vidas tanto atrevemento nun tempo de mentalidades estrañas. Vivimos en sociedades ordenadas. En espazos de convivencia e de leis. Pero nada foi regalado. 
Cada dereito e cada paso adiante, foi o froito da semente das loitas de moitas mulleres ao longo de xeracións e cun custe persoal importante. Hoxe asumimos  valores xa fondamente consolidados e compartimos moitos principios impensables fai poucas décadas. 
Conxugamos un amplo abano de palabras fermosas. De palabras grandes. Palabras sólidas con densidade e volume, esculpidas golpe a golpe pola convicción dxs que defenderon ideas que transformaron o mundo. Hoxe lembramos, evocamos e sentimos, ás que sufriron a incomprensión. Elas foron, dende o pasado, o futuro.
As vivencias son casas habitadas onde unha tibia luz ordena a desmemoria –díxolle El– fraccións de emocións que actualizan o balance de afectos... non se pechan as casas con memoria... sempre agardarán finais abertos e portas entornadas...

 

 

Das palabras fermosas

Te puede interesar