Das meras causalidades

Hai persoas que din que, coma xénero humano, temos a habilidade de crear problemas de calquera cousa. Que esquecemos o respecto e a tolerancia para poder actuar en beneficio propio. Ou que pasamos o tempo intentando explicar aquilo que sucede, cando é a causalidade, sen tantos aspaventos, a que se encarga de que todo sexa ou deixe de ser por mera confluencia de acasos aleatorios.
Non comulgo coa crenza de que a vida nosa de cada día sexa o resultado da aplicación causal dun mero algoritmo. E que mentres andamos somerxidos entre reto e reto, deixamos pasar a vida. Leo con tristura, que medra o número de maiores que son abandonados nos hospitais polos seus familiares. Alegan o de sempre, falta de espazo, de tempo. Curiosamente, ese pequeno espazo do pequeno piso no que non ten cabida é propiedade do ancián abandonado.
Vivimos momentos nos que a apariencia semella ter máis valor que o cerne do contido. Onde moitas veces o concepto de valores quedou reducido ás programacións das materias dos centros escolares. Curiosamente, utilizamos a invocación ao diálogo unha vez cometido o desaguisado que organiza conflitos do tipo aquí vai arder Troia a modo de trágala así sen anestesia nin nada. Non movemos posturas para non arriscar o noso espazo de confort, onde estamos seguros.
E seguimos sen entender que, independentemente das crenzas persoais, vivimos nun estado laico onde a separación Igrexa/Estado non permite bandeiras a media asta nin en Semana Santa, nin a utilización dos himnos nas cerimonias relixiosas. As leis están por riba dos caprichos dalgúns dirixentes.
Non podo non pensarte con ferida –díxolle con tenrura– cada vez que o vento xira e enche os sentidos desa friaxe, consubstancial ás ausencias...

Das meras causalidades

Te puede interesar