Da nostalxia

Sucede ás veces. Un golpe de tarde ou unha choiva lenta e acontece. Empeza breve, e reivindica momentos que aínda teñen a pátina das emocións intensas. Das praias, das cidades, e das pedras básicas que levantaron vidas. Lembrar é revivir. Recuperar silencios e palabras que foron escudo e, ás veces, espada ou bala ou lanza de protección ou de ataque; quizás argumentario de afectos moi sentidos. Nada é tan real coma o soñado. Depende da perspectiva e da distancia. Hai nostalxias que doen máis que cortes fondos.

Son desgarros emocionais que teñen a toxicidade violenta das ausencias. Do que xa non vive, nin está, máis que nese espazo segredo do vivido. Ás veces compartimos as linguaxes, as imaxes, os desexos e as prioridades vitais que dan osíxeno, e asedan con tenrura as diversas ansiedades e feridas. E sucede que son cerimoniais case festivos,  coma os días soleados nos invernos, e deixan sempre pegadas mornas de sorrisos. 

Sentimos e aprendemos do valor real das cousas que son norte; das lecturas que axudaron a soñar outros mundos, e das persoas que sabemos que nos doerán sempre, porque trouxeron moita vida ás nosas vidas. Non habitamos tempos mellores nin peores. Temos bagaxe dabondo para seleccionar naufraxios, loitas parellas e agravios similares. É o bálsamo do tempo o que vai borrando os bordes daquelas cicatrices. Algunhas veces, hai medos íntimos de dores interiores, que activan protocolos de emerxencia. 

Tamén medos atávicos, coma o temor a perder as coordenadas e esquecer aquelo que foi sempre importante: ser latexo, semente,  auga e voz activas, incluso berro e loita... Sentimos tan fondo por que sabemos moito. Confirmo que o eixo do universo segue a pasar polo centro e centro dos teus labios. Non se pechan os afectos coma os libros. Non hai nostalxia algunha, amor, que non teña as marcas do teu nome...

Da nostalxia

Te puede interesar