VIOLENCIA DE XÉNERO E LITERATURA PEDAGÓXICA

Hai palabras masculinas e hai palabras femininas. Aristóteles dicía que foi Protágoras, o filósofo da antigüidade,quen primeiro usou dos termos masculino, feminino e neutro para se referir aos nomes, introducindo o xénero gramatical. E a pesares de que os ingleses distinguen entre xénero en sentido biolóxico, genus, e xénero en sentido artístico, genre, a lingüística deu en partillar certas clases lexicais nun número pechado de categorías que responden vagamente a criterios vencellados ao sexo. Mais os atributos de cada xénero teñen máis a ver co entorno social ca coa xenitalidade. E, porén, comportámonos, dous séculos e pico após o século das Luces,coma se a xenitalidade levara innata unha rea de conductas, sentimentos, actitudes e aptitudes. Parece que non acabamos de enxergar que os roles sexuais son algo aleatorio, unha contixencia asociada a un modelo social patriarcal onde o pai, papa ou emperador domina os seus feudos nunha xerarquía piramidal de vasalaxe na que as relacións de poder exércense entre un sexo e outro en función do dominio. Co que a violencia de xénero non é tanto sexual coma política. A causa é sempre unha desigualdade de poder.Témolo tan interiorizado e hai tan pouca educación sexual seria (a parte da puramente xenital) que esquecemos que a sexualidade é un constructo social onde o seso con s, ten moito máis peso en nós có sexo con x.

Hai poucas semanas repuxeron na televisión a película encol do acoso sexual que protagonizaban Demi Moore e Michael Douglas. Era unha situación excepcional pero factibel onde o poder no mundo laboral o detenta a muller que é a xefa do home, seu subordinado. A presión da xefa para manter relacións sexuais co home e a negación de éste pode incluso causar estraneza no mundo da dobre moral onde o home para defender a súa homía ten que estar sempre disposto e a muller para defender a súa femineidade virtuosa ha estar sempre indisposta. (Ese é o patrón ríxido con todo o seu abano de variabilidade que hoxe vai esgazando). Nun mundo de presunta igualdade de xénero onde a competitividade máis feroz é un valor no mundo patriarcal,as mulleres estamos sumetidas a dúas forzas contrarias. Unha lévanos á agresividade e dominación dos valores tradicionalmente masculinos e outra obriganos a ser tan femininas coma as nosas nais e avoas cando exercermos de esposas de, nais de, fillas de, noras de e un longo etc de... que nos escraviza e nos satura de responsabilidades e roles irreconciliabeis. Posto que as mulleres fumos forzadas a asumir os roles masculinos fóra e manter os roles femininos dentro, nunha tola carreira a ningures pasando pola histeria freudiana!

Nesta película, o acoso feminino exercido sobor do home, subordinado laboral, parécenos inconcebibel. A imposibilidade que se nos supón de poder violar a un home lévanos á dúbida e á incredulidade. A falocracia está tan entreverada nas nosas veas que a falla de penetración activa parécenos un argumento infalibel para pensar que unha muller non pode violar a un home. Centramos o abuso na xenitalidade do coito porque mil anos de represión relixiosa deixaron en nós un pouso que nin o hedonismo materialista é quen de mudar.

O caso contrario é tan habitual que xa nin se comenta. Sen embargo unha muller con poder no mundo de homes nas grandes empresas é tan violenta, tan impositiva e avasaladora coma un home xa que compite con regras de patriarcas. Porque as relacións de violencia de xénero, non nos enganemos, son relacións de poder máis ca de xénero. Se a meirande parte dos que exercen violencia de xénero son homes é só porque foron educados para exercer de machos alfa e porque adoitan ocupar postos superiores na pirámide social, detentan o poder. E empregan a violencia porque poden e, por suposto, porque queren e non son repudiados por enteiro pola sociedade pois a pegada violenta é sino distintivo da homía. Exercer a agresividade, ser rudos, fortes, competitivos ata esmagar ao rival, abusóns, insensibeis...vai nos valores varonís.

Cando un neno se sente agredido na súa autoestima ao se amosar sensibel, feble, emocional...xurde a pantasma da homosexualidade (que segue a ser perseguida na sombra da sociedade) e afonda na súa exhibición de valores que socialmente asócianse ao home heterosexual, ao home macho varonil: forza, imposición, violencia se preciso for. É por iso polo que as clases de danza, ioga, costura... seguen baleiras de nenos e mozos (na cociña mudou algo a cousa) e as de artes marciais, máquinas, tecnoloxía, automoción... seguen baleiras de nenas e mozas. Cunha particularidade, que a sociedade subliña e toma como modelo superior o masculino, isto é todas aquelas actividades, profesións e facetas onde se exhiban valores tradicionalmente asociados ao macho heterosexual varonil. Ser femia ou homosexual segue a ser cousa de perdedores. Como moito tolerabeis mais non ideais. Cando algo se tolera é que non se persegue abertamente mais non acaxoma coa norma social.

Hai investigacións pedagóxicas onde se estuda a conducta dos adultos cara aos nenos segundo o sexo de estes. Así, ao nacer, póñenlles un cueiro e dinlles a distintos adultos que se comuniquen co naipelo dicíndolles se se trata dun neno ou dunha nena. De seguida os adultos teñen comportamentos moito máis agarimosos coas nenas que cos nenos. Incluso permítenlles chorar máis a elas. Estas investigacións demostran que a sociedade diferéncianos na educación nada máis nacer (e pode que incluso antes agora que xa temos seguranza no xénero nas ecografías).A agresividade non é cuestión de testosterona somentes, como se comproba nos distintos tipos de sociedades e culturas. Canto máis patriarcal é unha cultura, canto máis competitiva e militarizada está unha sociedade máis conductas violentas manifestan aqueles que aspiran a ou detentan o poder.

A literatura ilústranos cunha morea de obras para a prevención da violencia de xénero. Por qué non se está a traballar seriamente nas escolas?.A prevención é máis efectiva co tratamento e rehabilitación!. E as novas roladas abondan en conductas ciumentas, en precocidade en gravideces,  en acosos e abusos que as tecnoloxías facilitan aos maltratadores. Mais non nacemos nin maltratadores nin víctimas, É o entorno quen nos fai!.

Na Galiza e Portugal gozamos das Cantigas de Amigo, de Amor e de Escarnio e maldizer. Hai un libro valiosísimo para educar na igualdade, mais non na igualdade dos valores patriarcais que é ao máximo que parece aspirar hoxe a política educativa. Todo se vai en facer que as mulleres sexan igual de rápidas, activas, insensibeis e independentes cós homes na vida social.

VIOLENCIA DE XÉNERO E LITERATURA PEDAGÓXICA

Te puede interesar