UNHA RUTA TURÍSTICA DA DESTRUCIÓN CIVIL

Dentro da súa tradicional dependencia do Estado, a comezos do século XX formouse en Ferrol un tecido industrial de novas empresas, de certo arraigo ata a súa desaparición: Fábrica de Xuvia, Pysbe, Fenya, Peninsular Maderera, Megasa, Indunor, e as fábricas de cerámica Santa Rita, de xabóns Beceiro e de lapis Hispania. Creouse así unha trama de industrias auxiliares que non deixaron practicamente mostra material algunha das súas actividades, ante a carencia dun Museo de Usos e Costumes na cidade

O recente derrubo do edificio da Fábrica de Lapis, tan contestado polos que sempre actúan cando os asuntos xa non teñen solución, puxo de relevo o tema da conservación do Patrimonio Industrial en particular e o tratamento que debe ter o Patrimonio Cultural nunha cidade como Ferrol que hoxe, tras once anos de desencontros, converteu a petición do galardón de Patrimonio da Humanidade en Patrimonio da Eternidade.

Namentres semella unha tarefa imposible salvar as pinturas murais de González Collado do edificio do Bambú Club e o barrio de Recimil segue a esperar unha solución, sexa rehabilitación, sexa construción “ex-novo”, ou se cadra unha solución intermedia, os barrios históricos da Madalena e Ferrol Vello, continúan mergullados nunha dinámica de deterioro, onde moitos edificios deshabitados vanse deteriorando rapidamente, cando non se producen incendios e derrubamentos. No que atinxe á solución do barrio central de Ferrol quedou definida cando alguén dixo que “se precisan menos rúas peonís e máis peóns”.

No alto da cidade, o Barrio de Canido, a pesares das novas urbanizacións e das obras da rúa Pérez Parallé, non despega. Ademais da pouco axeitada rehabilitación da praza do Cruceiro, segue a tortura para os veciños coas deslavazadas obras das rúas Alegre, San Diego, Barrié de la Maza e Máximo Ramos. Mentres, na parte baixa da urbe, a Costa de Mella leva tempo avisando do seu mal estado, raiano no perigo.

O que foi Praza de España, despois do ermo no que quedou convertida, segue a ser un vergoñento laboratorio de ensaio das máis arroutadas solucións das catro últimas corporacións municipais: desde erguer o que chamaron un monumento habitable ata deseñar unha especie de club náutico no soto. Agora hai unha proposta de facer unha exemplar zona verde: xa veremos no que queda a ocorrencia. No que atinxe aoutras prazas de Ferrol, mentres a Alameda e os Cantóns seguen de xeito paseniño a súa degradación e non se albiscan solucións para o que no seu día foi unha fermosa Praza Vella, a este mal estado xeral se engaden os Xardíns de Herrera e San Francisco. Por outra banda, da medo pensar o que lle espera á Praza de Armas ou ao Parque Municipal. Polo menos sempre nos queda a Praza de Amboage.

A casa natal de Carballo Calero non se sabe para que se mercou, do edificio do antigo Hospicio non se coñece o futuro uso, no caso dos casaróns do Legado Carbajal tan só resta que metan dentro aos Amigos das Rondallas. Os antigos edificios de Facenda na rúa Magdalena e o da Aduana no porto comercial levan anos sen uso, co normal deterioro que esa situación orixina, mentres arredor deles diferentes proxectos nunca chegan a bo termo. O edificio de Capitanía, as penas acolle hoxe un pequeno Arquivo. De Sánchez de Aguilera continuamos sen noticias.

Do Castelo de San Felipe non se coñece de que vai o presunto Plan Director; segundo sopre o vento se está a falar de recuperación, restauración, reparación, renovación, rehabilitación ou reconstrución (xa está ben dos típicos contos de Calleja). Agora tamén hai certo perigo na enseada da Malata co proxecto do tren ao porto exterior.

Verbo do pavimento das rúas e prazas mellor non falar e ir moi atentos para non se dar unha zoupada. En Ferrol, onde de sempre traballaron expertos canteiros, hoxe a rúa do Sol e outros lugares da cidade son un desleixado exemplo da agresiva colocación do empedrado. As plaquetas e lousas das rúas Real, Galiano ou Magdalena están rotas nun porcentaxe alarmante, non só pola pouco axeitada colocación das mesmas senón polo seu evidente mal deseño e pobre calidade. E así case todo. Deixemos xa de falar aos visitantes da Ruta da Construción Naval, coido que é mellor que fagan un percorrido pola Ruta da Destrución Civil.

jjburgoa@hotmail.com

 

UNHA RUTA TURÍSTICA DA DESTRUCIÓN CIVIL

Te puede interesar