NON HAI VITORIAS, SÓ A BATALLA

Mediado o mandato do PP neste Concello e tras o acontecido nos últimos plenos municipais froito da impotencia dunha sociedade presa das políticas estatais das últimas décadas e dun goberno municipal que acata sen fisuras as directrices que lle sinalan desde a centralidade do Estado, é unha evidencia que para nós, este comportamento resulta letal e está a supoñer o fin definitivo do noso principal sector produtivo, unha industria fundamental, non só para esta cidade, senón tamén para Galiza, e que desde o Estado se decidiu liquidar como moeda de cambio con outros estados da UE, atopándonos agora na fase final dun proceso que se remonta xa 30 anos atrás.
Supón a destrución dunha das nosas principais riquezas, tanto a nivel medioambiental como económico, como é a Ría de Ferrol e a Ensenada da Malata, cun frutífero banco marisqueiro a pesar do seu alto estado de degradación produto da laxitude coa que a Administración Estatal se tomou sempre a necesidade do seu saneamento, e para a que a construción do acceso ferroviario ao Porto Exterior suporía a súa aniquilación se se fai mediante a alternativa Sur, a pesar do rexeitamento social que esta decisión tivo e esta a ter, e fronte ao que o goberno municipal se inhibe, resultando humillante a súa incapacidade para cuestionar no máis mínimo as contraditorias, erradas e escasas informacións que o Estado, a través do seus Ministerios, de antes e de agora, transmite.
Actuar desta maneira significa que un concello, reducido xa a 72.000 habitantes e cun problema de ingresos estrutural siga sen percibir un só euro pola ocupación de máis do 20% do solo urbano do Concello por parte da Administración Estatal, e que sobre as construcións que desde a centralidade do Estado se abandonan e que foron feitas polos propios veciños da cidade e arredores e costeadas cos seus cartos non teñan ningún dereito sobre elas.
A celebración dos 100 anos da chegada do Ferrocaril a Ferrol, na que este goberno municipal participou de modo entusiasta, ao tempo que o Ministerio de Fomento desenvolve o desmantelamento das conexións ferroviarias de saída da Cidade resulta esperpéntica e ofensiva.
Esta actitude supón que en base as directrices económicas estatais, que teñen como fin a concentración do poder económico, e non a recuperación económica, este Concello estea a multiplicar de modo exponencial a súa débeda e o gasto financeiro produto desta, sen que isto se faga con fins de desenvolvemento para a Cidade, senón ao contrario, ao reducir drasticamente o gasto adicado a inversións e a cubrir as innumerábeis carencias que esta cidade ten. Esta actitude cómplice respecto do comportamento do Estado con nós supón, ao cabo, unha taxa de paro do 32% para unha cidade na que só traballa un terzo da poboación, suficiente para que nun aceno de honestidade, o señor Rey Varela decidise dimitir sobrepasado polas determinacións da súa formación política estatal. Máis esta decisión non sería bastante, xa que a alternativa necesaria para que esta Cidade poida ter algunha posibilidade de futuro só pasa por asumir que o noso centro de decisión debe estar aquí e non en Madrid, e que o poidamos exercer libremente sen inxerencias externas e dacordo ao principio de igualdade. Que se actúe sen recorrer a falsos, abstractos e globais protectorados dos que despois de anos padecendo é evidente que non fan máis que anularnos como colectivo, e que se asuma que a realidade desta Cidade é crítica, e cómpre, por tanto, unha actitude decidida na defensa dos nosos intereses a pesar dos atrancos e conflitividade que esta decisión traería consigo.
A propia concreción do Estado español, impide que as súas estruturas de poder económico e político delegadas na nosa cidade, se sitúen fronte á súa propia concepción ideolóxica e fronte a que, o que en outros lugares pode supoñer un aumento da pobreza e a precarización laboral, aquí signifique a desertización e anulación dun territorio e a súa poboación, até desaparecer como colectivo. Máis aínda así, a nosa propia supervivencia non ten outra alternativa que mudar as relacións que se establecen coa administración estatal, e para iso é fundamental que recoñezamos a nosa realidade sen complexos, a pesares de que o que vexamos semelle unha deformidade, para así poder enfrontala de modo decidido, nunha batalla que máis cedo que tarde, ten que rematar en victoria.
Iván Rivas é portavoz municipal do BN

NON HAI VITORIAS, SÓ A BATALLA

Te puede interesar