Un pouco de historia da parroquia

A parroquia naceu e foise desenrolando dende moi antigo como centro sociolóxico onde os veciños comparten unha serie de acontecementos vitais básicos, e aquí a Igrexa xogou un papel importante demarcando os límites xeográficos coa construción do templo relixioso, o cemiterio e casa reitoral de residencia do párroco, e a escola co seu mestre ou mestra. Ao redor deste centro desenvolvíase os quefaceres das persoas e do pobo. Trátase da parroquia rural. 
O párroco nas parroquias rurais galegas tivo unha prominente personalidade que case sempre era desempeñada en sentido de autoridade e administrador do sagrado e espiritual nos momentos máis importantes da vida dos fregueses como é ao nacer, casar, e morrer. Hai que facer constancia do paréntese da II República (1931-1936), en que a persoa que veu competir co cura foi o mestre ou a mestra, quen, influído, ou non, pola ILE (Institución Libre da Enseñanza), traía cultura, democracia, liberación do sometemento relixioso e promovía a animación comunitaria. Mais este labor quedou afogado co golpe militar, xa que esta clase de persoas foi a que máis sufriu en número de vítimas na persecución franquista, das que Castelao deixou como símbolo ben triste no cadro da Derradeira lección do mestre, que está exposto neste tempo na Cidade da Cultura de Santiago. Daquela a figura do párroco no nacional catolicismo amosouse aínda co maior autoridade e imposición. Emporiso, a partir do Concilio Vaticano II houbo un rebulir de transformación pastoral na parroquia. O cura deixou de ser autoritario e pasou a ser máis “pai”, ou mellor dito, “animador do espírito e do humano”; deixou de ser funcionario e máis animador da comunidade ao ditado daquela máxima de que a parroquia é como un recuncho do “pobo de Deus”, e sabendo que “non hai vida cristiá sen comunidade”. E se “a Igrexa non sirve, non sirve para nada”. Claro que o Vaticano II parece que xa é historia e xa quedou esquecido nos longos anos do Juan Paulo II, e as curias de Galicia tan adictas a este papa longal, con dignas excepcións, aínda non entenden a pegada do papa Francisco. 
 A marcha da parroquia en moitos aspectos sigue coma sempre, noutros cambiou. Xa non vive o cura nin o mestre na parroquia; o número de crianzas veu a menos en grande medida; o transporte e os medios de comunicación descentralizaron e trastornou bastante esta vida parroquial. 
Agora o cura fai a rolda de varias parroquias, coa vantaxe, por unha banda, de favorecer a apertura dunha pastoral conxunta na que pode ser ponte de unión con máis xente, para coñecerse e conxuntar esforzos que axuden a resolver os mesmos problemas; e co perigo, por outra banda, de parecerse a un funcionario que pasa para cumprir ás présas os servizos relixiosos. Atrévome a presentar pola miña experiencia e pola opinión da xente rural estas conclusións: 
1) Os fregueses están agardando que a misión do cura non sexa a dun funcionario, senon máis ben como apóstolo de Xesús de Nazaret. Na parroquia ten que ser unha comunidade e nela unha comisión elixida democraticamente. 2) As propiedades da Igrexa, o templo, casa reitoral, cemiterio, deben ser administradas pola comisión devandita, e facerse cargo do seu mantemento. A celebración da eucaristía e da administración dos sacramentos e funerais sexan gratuítos por aquelo do que recibistes gratis dádeo gratis; recoñecemos, emporiso, que o cura ten que vivir do seu traballo. Os estipendios do cura tamén deberían ser acordados. 3 É unha contradición que a Curia da Diocese venda aos veciños a reitoral, que os seus antergos construíron, como sucedeu en Alba de Vilalba e noutros parroquias. Hai constancia de que en moitos casos o igrexario a reitoral o cemiterio o templo foi feito co traballo e doazón dos veciños; en concreto, aínda hai veciños con coñecemento na familia de faceren seus bisavós o carreto para recadar a pedra. A igrexa ten que ser un centro de comunidade non centro comercial. 4) E aínda me atrevo a dicir máis. Hai na parroquia xente non crente, ateos, doutras crenzas, ou non practicantes, pois sabemos de atropelos en tempos pasados, a estes non se lles pode excluír, nin moito menos, de participaren nos actos sociais, cemiterio, etc. ao que eles teñen dereito como cidadáns. 
Presento estas propostas e proxectos non con gañas de enfrontamentos, líbrenos Deus, máis ben con ánimo de mellorar e suscitar na parroquia veciños responsables. E para rematar, quero deixar constancia do meu recoñecemento a eses curas que fan un servizo indispensábel de facer comunidade, de presidir a Eucaristía os domingos e levar o ánimo de loita pola dignidade sobre todo dos máis pobres. Para estes, chapó. 
 

Un pouco de historia da parroquia

Te puede interesar