O pacto das catacumbas. Angelelli, bispo mártir

Para contrarrestar un pouco estes tempos da Igrexa cos escándalos da economía do Vaticano e da pederastia de eclesiásticos, e as loitas internas anti-papa Francisco, presento uns momentos como fitos da historia da nosa Igrexa que temos que revivir e non podemos esquecer.

1- O Pacto das Catacumbas
Días antes da clausura do Vaticano II, o 16 de novembro de 1965, un grupo anónimo de 40 padres conciliares, sen propaganda e sen facer ruído, collen o camiño das Catacumbas e, na de Domitila, asinan o chamado “Pacto das catacumbas”. Pasadas máis de tres semanas aparece esta nota de Henri Fesquette no xornal Le Monde: “Un grupo anónimo de bispos comprométese a dar testemuña externa con unha vida de estrita pobreza”.

Na celebración da Eucaristía pediron “ser fieis ao espírito de Xesús”, e seguidamente asinaron o pacto. Velaquí un resume: “Renunciaremos ás aparencias de riqueza, ouro ou prata; ás posesións de móbeis ou inmóbeis; aos títulos de grandeza de eminencia, excelencia, monseñor, só o nome de “padre”, por ser nome evanxélico; a ter contas bancarias propias; a ser posible, as finanzas e os bens materiais levaraos unha comisión de laicos; renunciaremos tamén a facer privilexios aos ricos e compartir banquetes por servizos relixiosos prestados; comprometémonos en transformar as obras de beneficencia; apoiaremos aos laicos, relixiosos, diáconos, e sacerdotes, chamados polo Señor para evanxelizar aos pobres e traballadores, compartindo a súa vida e o traballo; loitaremos pola xustiza, igualdade e un orde social novo, digno dos fillos dos homes e fillos de Deus...”

Fágolle honor ao libro de Xabier Pikaza e José Antunes da Silva que publicaron, o ano 2015, o libro “El Pacto de las Catacumbas. La Misión de los pobres en la Iglesia”. Tiveron que pasar 50 anos para celebrarmos este memorial e revivir esta historia.                       

2- Enrique Angelelli, bispo                                                       
Imos referirnos hoxe a Enrique Angelelli de Arxentina, elixido bispo auxiliar de Córdoba por Xoán XXIII, e da Rioxa por Paulo VI. Na súa corta vida de pastoreo é o que recibiu, aos dez anos da sinatura do Pacto, a palma do martirio. Non foi o ter asinado o pacto, que tamén, senón a súa valentía que o levou a denunciar abertamente as violacións dos dereitos humanos da ditadura militar arxentina no 1976. Entre os seis bispos solidarios con el, citamos a Miguel E. Hesayne, un dos seus bos amigos, tamén asinante do pacto, que nos conta a súa confesión: “Mirá -me dijo o padre Angelelli con serena firmeza- ahora me toca a mí. Si me oculto o salgo de la Rioja seguirán matando a mis ovejas”. “corrían días oscuros y tensos cargados de amenazas, detenciones y torturas de dirigentes de pastoral y asesinatos a mansalva”.

O 4 de agosto de 1976, viña de homenaxear a dous dos seus sacerdotes, Carlos de Dios Murias y Gabriel Longueville, este francés, que apareceran fusilados en Chamical, había uns días, e tamén o laico Wnceslao Pedernera fusilado diante da esposa e de seus fillos; Comprometidos os tres na pastoral do bispo. No camiño de volta o bispo conducía unha camioneta acompañado do padre Arturo Pinto, dous coches provocan un accidente. O padre Arturo volve en si e ve a Angelelli tumbado na estrada morto coa cabeza esnaquizada dun mocazo. Na primeira acta xudicial quedou como vítima dun “accidente de tránsito”.

Outro bispo, tamén asinante do Pacto, seu amigo, padre Vicente F. Zazpe, famoso polas súas ideas socialistas, polo que lle trouxo certa corrente eclesiástica en contra. Moi solidario con Angelelli: “A Igrexa arxentina -dicía- debe ser voz dos que non teñen voz”. Estaba en Cuba impartindo uns exercicios espirituais a bispos, curas e seminaristas, por encargo de Paulo VI. Retornou axiña ao recibir o aviso da morte do seu amigo. Presidiu o enterro e leu un telegrama do papa.

Os xerarcas Cardeais, Primatesta e Aramburu, emporiso, responderon con evasivas ás reclamacións do grupo de sacerdotes que lles pedía a denuncia clara do crime; “hai un tempo para falar e outro para calar”, contestou o primeiro; “para falar de crime hai que probalo”, replicaba o segundo. O pobo sabía de sobra que fora un crime organizado pola ditadura. Por iso sendo cardeal Monseñor Bergoglio, dixo del na Rioxa: “estaba namorado do seu pobo, pois acompañábao até as periferias xeográficas e existenciais pedindo xustiza”.             

Tivo que pasar a ditadura e a chegada do presidente Kirchner para que a Corte Suprema declarase, no ano 2005, inconstitucionais as leis do Punto Final e da Obediencia Debida. No 2014, case 38 anos despois, a xustiza condena a prisión perpetua aos responsábeis destes asasinatos, Luciano Benjamín Menéndez e Luís Fernando Estella, outros procesados xa morreran. Hai que engadir aquí o apoio do cardeal, agora xa papa Francisco, co envío de dúas probas documentais da curia que comprometían ao nuncio apostólico, Pío Laghi: a primeira consistía nunha misiva do bispo Angellelli onde lle advertía ao nuncio das ameazas de morte que el recibía; a segunda contiña o relato detallado do asasinato, o 18-VII-76, dos dous sacerdotes.                           

3- Beatificación dos catro Mártires de Arxentina.
O 27 de abril deste ano, o empeño do papa Francisco chegou ao cumio coa beatificación do bispo Angelelli, dos dous sacerdotes, Carlos e Gabriel, e do laico, Pedernera. 

Na chaira do parque da Rioxa, capital, celebraron a beatificación dos catro mártires de Arxentina, diante de miles de fieis (45.000), como un regalo do papa Francisco á Igrexa Arxentina. Mais na vila miseria, José León Suárez de Bos Aires, o cura “villero”, José Mª Di Paola “Pepe”, celebra tamén a beatificación dos catro mártires como un regalo do papa Francisco para unha Igrexa máis comprometida cos pobres.                                

4- Preguntas para o diálog.
Aproveito estes acontecementos similares entre a nosa historia e a de América Latina, sobre todo de Arxentina.                                                           

Houbo algún bispo español que denunciara as violacións, torturas e asasinatos da ditadura de Franco? 

Por que Pío XII, Xoán XXIII e Paulo VI, se negaron a beatificar a bispos e clero asasinados na bando da República, que beatificou arreo Xoán Paulo II? 

Por que Xoán Paulo II non defendeu ás vítimas de bispos, clero, relixiosos e catequistas, dos crimes das ditaduras arxentina, chilena, salvadoreña, etc., e o papa Francisco, si. 

Cabe a posibilidade en declarar inconstitucional a nosa Lei de Amnistía do 77, pedida polo Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, como foi declarada a lei de Punto final e a Obediencia Debida de Arxentina?

O pacto das catacumbas. Angelelli, bispo mártir

Te puede interesar