Franco, Franco, Franco, eufonía do sanctus, santus, sanctus

Por fin, vai esmorecendo a figura de Franco e o franquismo na simboloxía, e caendo do pedestal unha vez que o pobo foi descubrindo a verdade, traballo custou e aínda costa!, agachada tantos anos, das súas fazañas no golpe, na guerra e sobre todo na ditadura. Mais aínda, costa traballo arrancalo do mausoleo e declaralo culpábel polo menos dos seus delitos de lesa humanidade. Que quede ben claro: ningunha amnistía, xustiza nin parlamento do mundo, e moito menos o parlamento da transición, é quen de amnistiar estes delitos. Unicamente unha xustiza condicionada polo réxime puido condenar ao xuíz, Baltasar Garzón, por atreverse a procesar os crimes do franquismo, moitos deles, non todos, cualificados por Crimes contra Humanidade . Que paradoxo! A xustiza española puido xulgar a Adolfo Scilingo, criminoso na ditadura de Arxentina; agora a xustiza arxentina anda xulgar os crimes franquistas.
Onde Franco ten o acubillo garantido é nos xerarcas da Igrexa Católica. Ofrécenlle á familia un lugar na catedral da Almudena para convertela nun Val de exaltación, agás que sexa para botarlle unha man ao Goberno e sacarlle as castañas do lume. De todas formas, outra ocasión importante perdida para desprenderse da rémora do nacional catolicismo, da Igrexa de Franco, dos honores baixo palio, da Santa Cruzada, do infame concordato. E sobre todo de cumprir a obriga que ten de pedir perdón por colaborar en tanto crime. Si, ben sei que tamén representan vostedes ás vítimas durante a guerra no lado de República, que non polas autoridades republicanas. Se lamentamos que moitos membros da Igrexa fora n vítimas, moito máis lamentamos que os xerarcas da Igrexa e clero foran verdugos no outro bando. E aquí en Galicia, xa sabemos, quen asasinou, agás algunha vítima, foron só os franquistas, coa anuencia expresa de todo o episcopado galego, que fixeron de verdugos.
A propaganda, trala vitoria, chegou a tal límite o endeusamento do “Caudillo”, que para moitos crentes estas blasfemias si que feren os sentimentos relixiosos. Vexan estas xoias: “El Caudillo que es como la encarnación de la patria y tiene el poder recibido por Dios para gobernarnos...” (del Catecismo patriótico español); “‘guerrero elegido por la gracia de Dios’, ‘Es el enviado de Dios’, (del cardenal Plà y Daniel); chegamos á inspiración de Pemán, que do Canon da Misa, que reza “Sanctus, Sanctus, Sanctus”, suscita a eufonía da xente berrando: Franco, Franco, Franco; ademáis de levar nas moedas “Caudillo de España por la gracia de Dios”; nas misas había que rezar a oración, chamada a “colecta ” Et famulos tuos Papam nostrum (N) et antistitem nostrum (N), ducem1 nostrum Franciscum cum populo sibi commisso et exercitu suo, ab omni adversitate custodi (garda de toda adversidade aos teus fillos, o papa, o noso bispo, ao noso caudillo Francisco co pobo a el encomendado e ao seu exército), logrando pór a Franco á mesma altura que o Papa, e o Bispo. Circulaba, daquela, entre a clerecía o chiste seguinte: nunha audiencia do papa ao Director da Philips cos cardeais separados a unha prudente distancia, estes ouvían ao director falar da oferta dunhas cantidades enormes de diñeiro cada vez máis avultadas, e cada vez máis asustados polo rexeitamento do papa. Cando quedaron sos replicáronlle ao Santo Padre: todos os cregos dixeran en todas as misas do mundo: “Mejores no hay”. Pois se o papa rexeitou á Philis, o negocio foi adiante, no concordato de 1953, Franco coa Santa Sede.
Pola contra a estes louvores, houbo, emporiso, excepcións de bispos e clero que defenderon a República e as súas autoridades e condenaron claramente o Golpe Militar e non digamos a guerra. Claro que todos estes tiveron que sufrir o exilio ou as persecucións e o escarnios de Franco. Mais sairá na próxima colaboración , DM.”,
1 Ducem (acusativo do latín Dux-ducis), nome que utilizaron os dictadores fascistas e nazistas, en italiano Duce, en alemán Führer, en español Caudillo.

Franco, Franco, Franco, eufonía do sanctus, santus, sanctus

Te puede interesar