sábado 19.10.2019

Por fin a romaxe de crentes galegos en Vilalba

o lema de “Ferrados de corazón” celebramos, por fin xa que logo, con ánimo a ferrados, o sábado, 14 de setembro, a Romaxe de Crentes Galegos  na praia fluvial de Vilalba, preto de onde remata O Paseo dos Soños do Madalena. Onde aparecen persoeiros da Terra Chá que dan pé para soñar por Galiza con abundancia e esperanza desde esta capital. 
Digo “por fin”, eu irimego de toda a vida, pois xa veredes. Esta romaxe percorreu e está a percorrer vizosa por toda Galiza dende que naceu no Pedregal de Irimia, hai 42 anos. Andou na contorna desta vila, por Campo de Santa Isabel e Penas de Rodas en Otero de Rei,  San Alberte de Roca en Guitiriz e en Baltar da Pastoriza, mais en Vilalba non acougaba. 
 Se a capital da Terra Chá está chea de “ferrados de corazón” de irimegos, Pepe Chao e Bernardo Gª Cendán, ambos os dous in memoriam para sempre no noso corazón, creadores un da romaxe e outro do poema do “Coa forza do noso pobo hoxe proclamo o meu Credo”, musicado como na gloria por  Mini e Mero, e moitos máis animadores, precisamente nesta terra, por que a Romaxe en Vilalba  non acougaba?
O espírito da Romaxe ven de aló de moi lonxe cando o vento forte que produciu un ruxido na apertura das fiestras da Igrexa cheas de ferruxe nos gonzos e dos pechos. Pois fora Xoán XXIII quen mandara abrilas para que entrara o ar fresco. Aínda máis, sen portas nin fiestras, libre como o vento, seguindo as prácticas de Xesús de Nazaret, fóra do “templo”, sen atrancos: no monte anunciou as benaventuranzas; no campo, na beiramar, compartiu a abundancia de pans e peixes; polos camiños benzoaba aos nenos, curaba á xente, anunciaba a Boa Nova aos pobres. 
Neste ambiente evanxélico e anovador  comezaron as Romaxes no ano 1977, e así por Galiza adiante ían sementando a ledicia da Boa Nova de Xesús de Nazaret. 
Estas maneiras de raigame cristiá  non as vía a xerarquía galega que botaba para atrás a participación nas romaxes de curas e de fieis. Vencidos os atrancos do longo tempo do peche do Vaticano que parece como se quixera entornar as fiestra e pasarlles o peche impedindo entrar na Igrexa o signo dos tempos. Agora  co ánimo xa anovado do papa Francisco, sen impedimentos trasnoitados da Xerarquía, celebramos con ledicia este ano a Romaxe en Vilalba, que, pola miña parte, dende  agora queda confirmada como Capital Irimega. 
Como irimego de base invítovos de corazón aos que non coñecedes estas celebracións, os demais non a precisan, compartillar esta romaxe pois de veras quedaredes cheos de “ferrados de corazón”. Hai unha mensaxe senlleira que dá para remoer ao voltar para a casa. 
Tamén  resulta ser un día de encontro de familias, amigas e amigos, compañeiras e compañeiros; dá tempo para cambiar impresións, falar do divino e do humano sen présas; hai comida en abundancia para compartir; sentados e acomodados como na multiplicación dos pans e dos peixes. Ademais o Meteosat  anuncia bo tempo e 23º.  Benvidos á Romaxe de Crentes Galegos

Por fin a romaxe de crentes galegos en Vilalba
Comentarios