En defensa do Papa Francisco (I)

As viaxes do Papa Francisco sempre teñen para min algo de sorprendente que humanamente cativan a moita xente e a moitos cristiáns lles fai retomar a esperanza, cunha ollada rexeneradora, nesta Igrexa en tantos aspectos dexenerada. A este Papa, que se presenta tan próximo, non lle cadran os nomes de Santo Padre nin moito menos Pontífice, por aquelo do Evanxeo: “a ninguén chamedes pai, pois un só é voso pai, o celestial”; e tampouco “pontífice”, pois iso ven do imperialismo romano”. A este papa vaille moi ben chamarlle o Papa Francisco, ou, en moitos escritos xa vexo, simplemente Francisco. Pois el sae ao mundo para mesturarse coa xente; con ela dialoga e discute abertamente  dos problemas da xente; e así libre, deixa a curia que o apreixa canto pode para telo atado no cumio do papado clásico que el tanto quere derrubar.
Poren, para vermos a comparanza, quero lembrar aquelas outras viaxes de Juan Pablo II, concretamente, aló polos días 2 e 3 de abril de 1987, fora tamén a Chile con resultado non moi pastoral, ao contrario do que acaba de facer o Papa Francisco. En primeiro lugar lembramos o desgraciado asomo do Papa, de par con Pinochet, á balconada da Casa de la Moneda, bendicindo á plebe golpista ateigada na praza como se na de Oriente franquista se tratara. Segundo, o pánico que produciu a brutal intervención da policía con disparos de metralleta, gases lacrimóxenos naquela misa contra a multitude; pois fora que militantes do MIR (Movimiento de Izquierdas Republicanas) abriran pancartas con esta frase: “Santo Padre, en Chile se tortura”, naquela misa multitudinaria. E terceiro, para rematar, naquela viaxe de escándalo, a fotografía da Comuñón de Pinochet de mans do Papa.
Imos ver o contraste coa viaxe doutro Papa con un estilo e maneiras pastorais ben  distintas, e con problemas totalmente distintos. A Chile chega para implicarse en dous temas: un interno co episcopado e clero, cal é o escándalo de abusos sexuais da Igrexa; e outro político e social na defensa dos dereitos dos Mapuches Este pobo é dono das terras que lles pertencen dende tempos inmemoriais. Mapuche significa xente da terra ou nativo; o nome de araucano puxéronllelo os españois, que eles rexeitan. Hoxe  están baixo o poder arxentino e, sobre todo, chileno. Foi o único pobo que se mantivo firme fronte aos conquistadores da cruz e a espada do reino de España no descubrimento de América.  
Cen anos despois, en 1641, logra un tratado de independencia deixando a liberdade de actuar aos misioneiros de sotana. A este pobo chega o Papa que nun momento de bastante violencia. Houbo emporiso unha acollida de multitude chegada de arxentina e outros pobos.  A concentración celebrouse no campo onde a ditadura de Pinochet implantou unha grande represión non só da esquerdas senon tamén da raza mapuche; e aí nese campo o Papa fixo unha lembranza en honor desas vítimas do terror pinochetista. Mais nas súas palabras non apareceu o recoñecemento do xenocidio do pobo mapuche nin a petición de perdón por parte da Igrexa, como esperaban algúns representantes. Insistiu na advertencia aos mapuches de que poñan fin a violencia: “la defensa de la cultura del reconocimiento mutuo no puede construirse en base en la violencia y destrucción que termina cobrándose vidas humanas. No se puede conseguir el reconocimiento aniquilando al otro”. Apreciamos no Papa Francisco que estivo moi condicionado polo poder eclesiástico e civil e moito máis polos actos violentos da queima de igrexas neste momento preciso como resposta á súa visita. Aínda que para os mapuches a chegada do Papa foi unha deferencia de proximidade con acollida e celebracións indíxenas, no fondo faltoulle ese carisma de involucrase moito máis cos seus problemas relacionados coas autoridades chilenas, e coa vida de abusos históricos que leva sufrido este pobo.
Mais deteñámonos un pouco máis no obxectivo desta viaxe a Chile que aparece nos xornais como  primordial. O escándalo dos abusos sexuais dentro da Igrexa, que, ao meu entender, nunca foi un abuso xeneralizado, aínda que nestes últimos tempos chegan escándalos soados, e por conseguinte, o suficientemente grave como para tratalo coa consigna de Francisco: “tolerancia cero”.  Se se analizan ben estes casos, a miña opinión da gravidade parte no só das mentes retorcidas do tal pederasta, máis ben parte do poder de mangoneo que adquiren certos dirixentes espirituais que abusan das conciencias débiles das e dos menores; acontece coa dirección espiritual, unha práctica usada na pastoral eclesiástica, que cando chega ao abuso da imposición, aparentemente como unha grandeza do espírito, somete á esa pobre mente do débil, de tal forma que xa non pode desprenderse do impostor e xa non é quen de liberarse do monstro, coa imposición engadida do  silencio e a ocultación, que nada se saiba. E cando hai medo de que pase a coñecemento público, a xerarquía toma as medidas do cambio de lugar do vitimario ou castígalo a facer exercicios espirituais nun convento. A vítima descomposta e avergonzada para toda a súa vida queda esquecida. Nunha xustiza ben entendida non se trata de protexer ao vitimario, máis ben de protexer á vítima.   

En defensa do Papa Francisco (I)

Te puede interesar