Xoán Piñón. O poeta da luz

O Kiosko Alfonso mostra máis de trinta anos do excepcional traballo de Xoán Piñón (A Coruña, 1951), dende 1977 ata 2012. Médico,(profesión que exerceu ata o 80), músico e poeta da luz, a súa cámara é un ollo  asombrado e aberto aos enigmas, que consigue captar, con estudada e pitagórica harmonía, o esplendor das formas e o misterio da natureza e do universo humano; xa se trate dun molde de zapato atrapado entre as burbullas musicais dun pedazo de xeo, como nas  fotos de “Andante”; xa dun branco cabalo transformado por un raio de sol cheo de pentagonais brilos, na aérea e case traslúcida prefiguración do mítico unicornio. 

Beleza e drama íntimo van da man na obra de  X. Piñón, que sabe ver que a vida é un xogo de antíteses, que todo suceso está abeirado dun alén sin nome e que toda imaxe agocha un segredo. Así, na conmovedora serie “Galicia, Terra nai”, devólvenos os arcaicos arcanos dos nosos eidos do rural:  vellas ermidas, senlleiros carballos, lumes e brétemas, camposantos recolleitos, as vías do tren e as estradas perdéndose na lonxanía dos horizontes ou sulagándose nas néboas;  as xuntanzas no adro de xentes que emiten auras e pasos de camiñantes case transparentes como aparicións da Santa Compaña; tamén  as  raíces e as herbas escribindo ese texto ancestral i eterno da vida e da morte. Silencio, drama e soedade nos rostros da serie “Diversas”, na totémica cabra que se ergue impoñente nos fríos farallóns das costas de Irlanda, no home que agarda no desolado andén do metro de N. York; e, sobre todo, enorme, cósmica, infinda soedade  a do noso Atlántico mar, nun  nuboso e grisallento-violáceo crepúsculo,  que unha  ambarina luz fai aínda máis saudoso. A serie máis antiga,.”Iluminados”, coloreada a man, ofrece unha visión chea de frescura, mais tamén de encadres estudados  nos que xa prima o seu interés pola rítmica precisión xeométrica; aquí  ponlle tintes de realismo máxico, mesmo de certo onirismo, a  arquitecturas, seres e paisaxes, destacando a ensimismada foto de Marina co diagrama dun oscilante péndulo na man  e a da anciana sorprendida detrás da súa ventá, que case prefigura un cadaleito, nunha dramática secuencia de tres tomas. 

Maravillosas as fotos do Courel, a onde foi durante 12 anos no outono, para atrapar a exuberancia do virxiliano verxel, no que os oxidados vermellos e os verdes complementarios espallan polas mestas fragas e os fondos vales a cíclica cantiga do que morre para renacer. En “Espirais” recolle o misterio das pautas logarítmicas que rixen todo o que existe, dende o ADN ata as galaxias. “Cámara barroca” testemuña do virtuosismo arquitéctico e ornamental  dos mestres arxinas. 

En “A horta de Carnati” e “Alterados” fai un alarde de hiperbolizadas e analóxicas formas de vexetais, e de materias en transfiguración, cunha inquedante beleza digna de Lovecraft. Exquisita, amorosa forma de mirar a de X. Piñón,  que, máis que captar o visible, entoa un sinestésico e intempóreo alalá, oda e elexía a un tempo, do perenne xirar.

Xoán Piñón. O poeta da luz

Te puede interesar