jueves 1/10/20

O universo máxico de Urbano Lugrís

Logo se cumplirán 50 anos da morte de Urbano Lugrís, que nacera na Coruña, en1908, e finou en Vigo, en 1973. Fillo do eminente galeguista, Manuel Lugrís Freire, pola súa casa pasaron todos os importantes persoeiros da época e puido nutrirse das inquedanzas daquel galeguismo enfervorizado das Irmandades da Fala e da Cova Céltica que levou á fundación da Academia Galega; pero, sobre todo, chegou a ter tan vasta cultura que o mesmo recitaba a Rilke en alemán que a Baudelaire en francés, a Dante en italiano, ou a Camoens en portugués, como recolle o seu amigo, tamén extraordinario ser e poeta, Antón Avilés de Taramancos, no catálogo da mostra antolóxica que se lle fixo na Coruña en 1989. 

Se houbo nos nosos eidos un artista que entra por dereito propio na categoría de xenio visionario foi sen dúbida él e, aínda que a pintura  foi o seu medio principal de expresión, tamén era un pianista consumado e notable escritor. 

Toda a súa obra entra no terreo do lendario, do mítico, do feérico, do máxico, que expresa por medio dun universo de símbolos plásticos polo que pasan sereas aladas, emerxen serpes mariñas,  aparecen templos sulagados, navegan illas fantásticas como a de San Brandrán ou ábrense latitudes incógnitas , como as que recolle na fabulosa “Balada del Puerto de Os”, coa que se iniciou, por certo, no ano 1954, aquela aventura literaria da revista ATLÁNTIDA coruñesa (tan singular como o fora ALFAR). Todo o sentimento liminal do atlantismo, esa teimosa chamada do alén aparece nestes versos sobrecolledores::” Perdidas extensiones donde el aire/ largamente consulta a las arenas. / Con olas y sin pájaros. Con sólo / una campana rota entre las redes/ de la bruma. Oh costa sin refugio/ oh litoral de grises coordenadas/ entre el sueño y la sombra, tus mensajes/ ¡qué despiadamente comunicas!...” 

Un parello e oceánico lirismo, transverberado de extraordinarias e misteriosas aparicións: violonchelos que voan, harpistas do mar, galeóns sulagados, illas imposibeis suspendidas no ar, quiméricas escenas de ultramundo..., pode verse nos seus cadros, de tan espellísmicas  e delicadas transparencias, que parecen feitos da materia levedante dos ensoños e que se abren a silenciosas inmensidades e falan de  robisonnianas singladuras e de odiseas da alma; de feito, adoptou o seudónimo de Ulises Fingal para sinalar que se sentía unha mestura do Ulises homérico e do heroe irlandés. Julio Verne estaba tamén no seu imaxinario e deixa constancia deso na homenaxe que lle fai nun dos números de Atlántida e o alcuma como “macrocefálico soñador irredento”, facendo sen dúbida un autorretrato de si mesmo. 

En composicións cuidadísimas, de meticuloso debuxo, de cor exquisitamente modulada, con formas  que teñen calidade de xema, este finistérrico fillo de Breogán e daquela Coruña  na que aínda o “mundo era un lugar encantado” , como él manifestou, deixounos cadros que incitan a “Volar volar...Adentrarse, buzo enamorado, en los abisales paraísos perdidos del mar”.

Comentarios