O surrealismo, cen anos despois

en 1920, Europa saía desfeita da Primeira Guerra Mundial, un horror que o surrealista André Masson enxuiza así: “Nunca, tal vez, había llegado a tal altura la estupidez militar. Un Himalaya” ( La revolución surrealista, Monte Ávila Editores, 1970). Da refuga daquel insensato océano de sangue naceu a rebeldía xuvenil que callaría primeiro no dadaísmo e logo no surrealismo. 
“A nosa nai foi a ira”, segue a dicir Masson. Curiosamente, tras a igualmente insensata Guerra Civil española escrebe Dámaso Alonso Hijos de la ira, quizais en acordanza co artista francés; e sabido é que os poetas da xeneración do 27 recibiron un grande influxo do surrealismo que se manifestou sobre todo en Poeta en Nueva York de Lorca. O gurú do movimento foi André Breton e adoita a darse como a data de inicio o ano 1924, en que publica o Primeiro Manifesto do Surrealismo, pero, en realidade, xa viña indagando na exploración do inconscente dende anos antes, en compaña de Aragon, Eluard, Max Ernst, Picabia, Artaud e outros. 
E a espita que lle abríu a fonte cara a maxia que se agocha baixo as apariencias do supostamente real, sucedeu en 1920, cando indo en autobús pola rue Boétie tivo que se baixar porque viu un cadro na vitrina da galería Paul Guillaume que o impactou; tratábase de O cerebro do neno de Chirico; e foi como unha especie de epifanía que o confirma nas súas indagacións que lle insuflaban a arela de resucitar a ese neno aferrollado pola cultura imposta e poder así atopar a perdida inocencia e o perdido saber; un camiño que, como se sabe, tamén seguíu Picasso que, aínda que non militou nas filas do surrealismo, foi mui admirado por Breton; París era daquela o embigo do mundo e en 1925 celébrase a primeira grande mostra de pintores surealistas, na galería Pierre, que inclue a De Chirico, Jean Arp, Max Ernst, Man Ray, André Masson, Miró, Picasso e Pierre Roy. 
A febre surrealista espallarase pronto polo resto do mundo: Praga, Tenerife, Nueva York, Méjico, Italia, Inglaterra, Yugoeslavia. En canto a España, deu surrealistas tan importantes como Dalí, Miró e Buñuel, cuxo filme Un chien andalou ( Un can andaluz, feito ao alimón con Dali) é todo un alegato alegórico sobre a necesidade de conquerir unha nova mirada. O surrealismo proponse a exploración de novos campos do coñecemento, de relacións novas con todo o que existe, de atopar os segredos agochados baixo as apariencias e descubrir mundos novos. O artista debe sair dos límites do seu eu e exercer de medium coa conciencia cósmica; os métodos de que se pode servir son a escritura automática, a xestualidade espontánea, a coincidencia do dispar e o mundo onírico. 
O que propuñan non só atinxía a poesía e a arte, senon a todo o ser, xa que nacía da sede de absoluto e da reviravolta de todos os valores, o que se pode resumir na frase que aparece en Nadja de Breton: “La beauté sera convulsive ou ne sera pas” ( A beleza será convulsiva ou non será”) Nestes convulsivos intres de coronavirus ogallá atopemos esa nova beleza.

O surrealismo, cen anos despois

Te puede interesar