sábado 24.08.2019

Siro retrata o camiño á Constitución

A Sala de Exposicións de Durán Loriga ofrece a extraordinaria mostra “O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro”

A Sala de Exposicións de Durán Loriga ofrece a extraordinaria mostra “O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro”, na que o gran debuxante demostra unha vez máis, non só o seu indiscutible talento co lápis, senon o seu sutil inxenio para facer, por vía de metáfora plástica, un fidedigno retrato dos alporizados anos que levaron á España democrática. Son 117 pezas, seleccionadas entre as máis de 200 dunha serie que publicara “La Voz de Galicia”, co título de “A Transición en imaxes”. Trátase de viñetas que ben poderían ser consideradas caricaturas dignas dun George Grotsz ou de calquera dos grandes representantes do debuxo psicolóxico, pero sen chegar a deformación satírica do expresionismo. 
Con humor fino, é decir galaico, é decir celta, ese humor do que Samuel Beckett di que “é unha cualidade do amor”, pasan diante de nós os actantes da Transición cos seus caretos e actitudes; dende a primeira estampa, que representa a pálida e verdosa efixie de Franco, cando en 1969 designa ao xoven príncipe Juan Carlos como o seu sucesor,  ata a derradeira, na que Felipe González ergue os brazos diante dun micrófono para celebrar o triunfo do PSOE nas eleccións de outubro de 1982. Un impresionante percorrido, polo que van pasando figuras que escribiron a historia recente e que estivo chea de dificultades e atrancos. 
Co seu agudo e amable ferrete, Siro entoa os aleluias que levaron ao acordo entre o deposto rei don Juan e o seu fillo don Juan Carlos; logo viste  a este de luces  para tourear a Nixon, faille facer acrobacias cunha copa de viño para engaiolar a Girón ou convírteo en milagreiro desconxelador de Torcuato Fernández Miranda, un home clave daqueles cambios. Quere montrar tamén os incribles terteres de Adolfo Suárez, a súa difícil loita con tantos frontes abertos; así que o debuxa con armadura, sendo armado cabaleiro polo propio rei ,o ano en que o nomeou presidente; pintouno tamén,  como guerreiro vencendo ao terrible dragón da ultradereita, cando en 1977 suprimiu o Tribunal de Orden Público. 
A mestría de Siro pon diante de nós, perfectamente reconocibeis, os rostros de Felipe González, Aranguren, Agustín García Calvo, Fraga, Carrillo, Alfonso Guerra, Gutiérrez Mellado, Tarradellas, Tejero, Forges, Pilar Miró, Boadella, Fernández Ordóñez, Calvo Sotelo e tantos outros que participaron, para ben ou para mal, no proceso que fixo de España un pais democrático. 
Pero non só nos fala con imaxes, tamén fai pedagoxía e acompaña cada viñeta dun riguroso relato do acontecemento que a inspira; de xeito que –como dí Justo Beramendi, no catálogo da mostra– “o Siro humorista dóbrase nun Siro historiador”, un Siro que quere poñer os puntos sobor das íes e contar escrupulosamente o que pasou; para que, nestes tempos de trampulleiros que mesturan falsedade e ignorancia, sexan mostrados os feitos, como realmente  foron. A imaxe de Suárez, espido e senlleiro, sentado nunha negra rocha no meio do mar, resume qué sacrificios supuxo para algúns aquela aventura.

Siro retrata o camiño á Constitución
Comentarios