Retrospectiva de Jorge Llorca

OCentro Torrente Ballester de Ferrol ofrece unha mostra retrospectiva de Jorge Llorca (Ferrol, 1952), que vai do ano 1974 ata a actualidade. Son máis de 40 anos de creativade excepcional, que se inicia cos modelos da Escola de Belas Artes, nos que prima a fidelidade ao representado, e chega ao despoxamento ontolóxico dos espidos da serie “Días do Eirado”. Polo medio están as emboscadas e poderosas cañotas, case antropomórficas, dos anos 70, nas que se sinte latexar o verdecente arcano da nosa natureza, coa que él fai ritmar, de sempre, o seu corazón.
Veñen logo as chagallianas e mítico-máxicas configuracións dos 80 de figuras liviáns, entre o carnal e o inmatérico, envoltas en encendidas atmosferas nas que estala a cor carmín; ahí a paixón amorosa fúndese co lume de San Xoán e a noite faise engado de plenilunios e de soños; no centro está Mari, a Gran Deusa, o eterno femenino, a maravillosa Dona da Croa que voa vixiante sobor dos tellados. Por esa época xurden tamén “As voces antigas” do pobo, as lembranzas garimosas dos que doman cabalos, apacentan gandos e traballan leiras, pero él non fai costumismo, senon que os pinta transfigurados e lévedos, entre auras de esmeraldino azul.
Xa a fins dos 80 e nos 90 comenza a síntese formal, o despoxamento, a entrada no Xardín secreto e nas estancias de silencio; a protagonista é a muller, centro do enigma, que aparece espida na luz da mañán, na luz do verán, tinguida de rosa e azul ou encendida en bermellos e laranxas coma nos tempos da mazán do Edén. Trátase dunha figura estilizada, pois o que representa non é carne, senon un ideal, un símbolo da femineidade, ainda que as veces, como no cadro “Feroz” pode aparecer con toda a potencia cromática dos fauves e a ampulosidade das antigas Venus, emblema eterno da terra nutricia; pero non é só obxecto de contemplación ou de desexo, tamén a pinta como a dona faber, como artista criadora, na serie “A escultora no taller”.
E seguindo na liña de despoxamento e de camiño cara a esencialidade, a partir de mediados dos 90 pasa da dona dispensadora ao misterio xenesíaco das sementes e dos froitos, canto máis humildes mais admirables na sua vontade de perfección; encadrados nos retallos xeométricos que prefigura a luz, son para él a terra incógnita, a visión -dí-” dun misterio inexpugnable”, un” enigma matemático”. E, no enigma, síntese compañeiro de Mondrian, de Morandi, de Sánchez Cotán, de Matissse, de Kitagawa Utamaro e tantos outros; non podía faltar o Eloxio da sombra de Tanizaki; e fai lembranza da Negra sombra rosaliana e das Flores do mal de Baudelaire; son fermosas ofrendas de quen é poeta de sensibilidade exquisita e posue un alma noble capaz de sentir e cantar o feitizo das pequenas cousas.
Do 2000 en adiante, xa están moles os Días do Eirado, nos que recolle, con alma contemplativa, case mística, as grisallento-azuladas chairas do Mar da Penencia e entra no misterio do espazo infindo, nas Illas do lonxe, na luz do atlantismo.

Retrospectiva de Jorge Llorca

Te puede interesar