jueves 02.07.2020

Pilar Pastoriza, en Arga

A galería da Asociación de Artistas Arga ofrece a exposición “En cuerpo y alma”, de Pilar Pastoriza (A Coruña, 1963), que tivo como mestres de plástica a Felipe Criado e Xavier Muiños e que, amén de pintora, é psicóloga, o que sen dúbida lle serve para encarar os personaxes da súa mostra, como explica o título, desde dúas ópticas: a alma e o corpo. 

Tal dualidade esixe tamén un doble exercicio plástico de interpretación que ela resolve excelentemente, acudindo, no caso do corpo, ao xénero do retrato, para o que se inspira en mitos da historia da pintura, e, no caso da interpretación anímica, bota man dos xéneros da paisaxe, do bodegón e de diversas abstracións. O resultado é unha obra potente, ben construida e con un gran dominio da cor, que atopa nas obras abstractas os seus acentos máis suxeridores e persoais. 

Son nove as icónicas figuras escolleitas, musas de pintores: a Gioconda, a Maja desnuda de Goya, A dama do armiño, A xoven da perla de Vermeer e unha das señoritas de Sorolla; están tamén Cleopatra, a Princesa de Éboli, Frida Kahlo e unha Menina sui generis, coas que quere facerlle- segundo confesa- un canto á muller, e nón á feitura dos cadros orixinais nos que se inspira. Por iso, fai abstracción dos detalles do rostro, para que cada unha de nós poida verse reflectida nel e vestirse cos adubíos que as fixeron famosas. Deste xeito, podemos apropiarnos dos atributos das flores da pureza que representan a alma de A Dama do Armiño; ou navegar con Cleopatra, a muller máis sabia do seu tempo, polas augas do Mediterráneo, onde se decidiu o seu destino. Tamén é nas encendidas augas do Mediterráneo onde sitúa a alma da rapaza de Sorolla, uníndoa así coa luz da paisaxe. Para A xoven da perla idea un fermoso e primaveral estalido de flores sobre fondo desa mesma cor de alxofre. A alma de Frida Kahlo pona a bailar en aéreas manchas de cor vermella-alaranxada que lembran os xiros ceibes dunha danzarina. Para a Princesa de Éboli, encerrada no seu pazo de Pastrana, imaxina un enreixado de douradas barras que pechan o azul, mais tamén os serpeantes e máis sutís aramios que saen da mente. Da complexidade de significados da Gioconda, cuxo retrato sitúa nunha aura de encendida luz vermella, só pode dar conta un cruce axial de catro espazos nos que se encontran o mar, o ceo, a terra e o horizonte, unidos no medio polo ergueito enigma dunha columna negra. Constrúe a Menina con sinxelos planos ortogonais de vibrante cor, pero imaxina a súa alma como un ondulante esguello negro. 

Todas as obras están marcadas por unha intensa luminosidade e un cromatismo vivo e cálido que acentúa a idea da forza do universo da muller e ofrece unha visión fresca e nova dos grandes clásicos. Así pois, máis que diante de retratos, estamos ante imaxes simbólicas do eterno femenino, e do seu inquedo espíritu sempre en loita, sempre movido polas sanguíneas luces do corazón. Rescatadas da visión idealizada do pincel masculino, agás Frida Kahlo, queren decirnos “ aquí estamos”.

Comentarios