Obra última de Fermín Encinar

Fermín Encinar (Monforte, 1953)  trae de novo (a súa última mostra foi en 2011) á Sala de Exposicións do Pazo Municipal a obra realizada a partir de 2015, na que afonda na percura da esencialidade plástica, especialmente o espazo e a cor, cuidadosamente artellados en abertas configuracións de vibrantes planos de harmonías cromáticas, que traducen  a pintura-pintura a realidade que o motivou, convertida así en música visual ou cantiga evocadora dun lugar, dun intre gozoso, dunha vivencia. 

Usando a cor como unha forza creadora, fai rítmicas composicións a xeito de puzzle de ráfagas en vaivén que pasan desdebuxando as formas entre os reflexos da fragmentada luz ou poden acougar, como atmosferas atrapadas, no contedor ortogonal dunha fiestra, dun peirao ou nas arquitecturas suxerentes dunha cidade. F. Encinar é un auténtico e enorme pintor, non alleo aos achádegos revolucionarios da arte do século XX, que se liberaron da servidume ao modelo; aí están mestres como Kandinsky, Vlamink ou Soutine, ao que lle dedica un cadro; e, primeiro, Cezanne, ao que, por certo, fai homenaxe coa obra “Santa Margarita XII. Outono”, no que os elementos da paisaxe, especialmente as árbores do parque coruñés, son só pretexto para unha metamórfica explosión de tonos dourados, ocres e verdes. 

Hai, pois, en toda a súa pintura un emocionado sentimento poético e unha percepción intuitiva do espíritu dos lugares que o inspiraron, o que traduce a símbolos de polifonías cromáticas, como sucede con Istambul ou Marrakech; un maravilloso exemplo desto é o cadro “Nocturno español” que, en contraste de encendidos vermellos e negros, trae lorquianas evocacións da pasión andaluza e da danza flamenca.

A súa pintura abre espazos inéditos, por medio das ben compostas manchas de cor: temperatura exacta, peso exacto que se conxugan para crear espazos vivos i evocadores que, as veces, como ocorre en” Fiestra II”, transmiten a idea de transparencia e de chamada do outro lado, mentres, noutras ocasións, como en “Fiestra V” crean un aillador e terroso espazo opaco. Hai cadros de incitante escuridade, como “Negra sombra II”, no que un bruno silencio, rodeado de puntuais trazos bermello sangue, deixa berta apenas unha branca fírgoa, mostrando así a eterna antítese luz-sombras. Por intres todo se remansa en grises de desdebuxadas formas arrumbadas no desván da memoria, como en “Faiado”; outras veces, o que transmite a a dialéctica do pasar e do entrecruzamento de camiños que deixan unha escura pegada na rosada nebulosa de algunha tarde. 

O seu fascinio  pola fuxinte e cambiante luz, que fai que o mesmo motivo sexa visto de diferente maneira, e que os impresionistas foron os primeiros en captar, atopa no seu cadro de homenaxe a a Monet “Et in Arcadia ego” unha edénica evocación de verdes e inventadas primaveras. Sorpresivos achádegos os seus que fan da pintura - como él dixo -” unha grande estancia chea de tesouros”, ou- segundo  Gaston Bachelard-  “Todo é paraíso para o ollo que sabe ver”.

Obra última de Fermín Encinar

Te puede interesar