O legado de Maruxa Seoane

A obra doada por Maruxa Seoane hai trinta anos ao Museo de Belas Artes dase a coñecer por primeira vez na súa totalidade, na extraordinaria mostra “Luis Seoane. O legado de Maruxa Seoane”. Esta doazón marca un antes e un despois na historia  do Museo, pois - segundo salienta a directora Ángeles Penas Truque- supuxo  “ enriquecemento patrimonial” e “ adquirir singularidade e presenza museística e a identificación deste museo cunha modernidade da que ata entón carecía”. 

Un estudo pormenorizado de Xavier Seoane deixa craro que  Luis Seoane non é só un grande artista senón un home de talla universal, un creador total. Na súa obra plástica soubo conxugar as singulares raíces do ser galego coas propostas renovadoras das vangardas, ata conquerir unha linguaxe cun selo persoal que leva a marca da xenialidade. Pois propio do xenio é atinxir a síntese formal que, sin copiar a realidade, permite recoñecer a esencia da que se nutre, ao tempo de abri-la cara  inéditos e suxerentes ámbitos. Na súa obra está ante todo Galicia, coa asunción do maravilloso legado popular que tivo nos canteiros arxinas,  alfareiros, imaxineiros e demáis a súa máis noble representación; con ecos das insculturas dos petroglifos;  con xeometrías que lembran as circunvolucións i espirais da arte celta e dos hiperbólicos e dondos volúmenes do barroco; e, sobre todo, co hieratismo e a solemnidade emblemática da arte románica. 

Pero ese acervo asumido atopa nel unha gramática sen parangón, na que destaca a vibrante cor disposta en mosaicos de planos abertos, sobre os que fai nacer, por medio de tamén abertas liñas perfiladoras, todo o universo de seres que o conmoven: mulleres, labregos, paisaxes, guerreiros, rochas, mares, aves, astros, froitos... E todo esto é visible na mostra, na que hai catro bloques temáticos: A muller, Natureza e paisaxe, Mitos tradicións e lendas e Denuncia social e guerra. 

A muller  ten un protagonismo especial, sobre todo na  versión totémica de gran nai, de sostén da vida, o que queda salientado na impoñente  “Mater Gallaeciae”, óleo de 1961, no que aparece representada coas voluminosas formas das Venus prehistóricas e coa cor vermella do barro xenesíaco; pero tamén hai mariscadoras, comerciantas, leiteiras, nenas, campesiñas.... 

Tamén está Galicia nas súas paisaxes, con mares axitados e albatros e polbos ou  ergueita en simbólica árbore da vida, como no cadro Paisaxe con árbores, de 1960. Da Denuncia social hai que destacar a conmovedora obra “Emigrante”, na se recolle o drama da nosa diáspora do 60, por medio do famoso carteliño que Manuela Rodríguez paseou polas rúas de Xenebra: “Elle est analphabéte. AIDEZ-LA” ( “É analfabeta. Axúdena”). Seoane sempre tivo presente, a hora de crear, a importacia dos mitos, dos contos e das lendas no imaxinario popular, ese lado máxico que é inseparable da nosa alma; así, persoaxes como María Balteria, Roi Xordo, María Pita, meigas, feiticeiros, sereas, mostros coma o Lobis-home e tantos máis convertiron a súa obra nun retábulo antropolóxico.

O legado de Maruxa Seoane

Te puede interesar