jueves 02.07.2020

“Nosotras”, de Marta Dorribo

A fotógrafa ourensana Marta Dorribo (Ourense, 1987), que rexenta en Ourense  o espazo de arte  O Cabalo Fosforito e que estudou Belas Artes en Pontevedra e Fotografía Artística na EASD Antonio Failde de Ourense, ofrece a mostra “NOSotras”, no Colexio Oficial de Médicos da nosa cidade. Trátase de trece instantáneas, todas elas protagonizadas por xóvenes mulleres da xeneración  da artista, nas que quere resaltar a pertenencia a ese “NOS” colectivo no que ela se inclue. 

Son obras que, polo enfoque, poden situarse nas pautas da maioría do retrato clásico que presentaba ao retratado, case sempre, de pé e de fronte; pero, a diferencia deste, no que o persoaxe en cuestión soía ir adubiado dun xeito luxoso ou embelecedor e nun esceario que resaltase a súa importancia, Marta Dorribo presenta as súas mulleres tal como son, tal como se comportan a diario, vestidas con sinxeleza e contra un espazo espido, no que só aparecen pequenos signos de identidade que aluden ás súas profesións ou aos seus gostos. 

Aparecen, pois, sen o menor rastro de vaidade,  dirixindo a súa ollada cara o nos, en mudo diálogo, como decíndonos : “aquí estamos, participamos das mesmas inquedanzas e das mesmos preocupacións que toda a xente, pero tamén temos arelas e soños propios”. De feito este compartir circunstancias semellantes na vida é o que Marta Dorribo quere salientar. Afirma así que “Estas mulleres son o espello no que me miro, autorretrátome a través delas”. Tamén parece quere destacar que cada día as mulleres son máis autosuficentes, que os seus roles xa non son os tradicionais de esposa, nai ou ama de casa, son mulleres que viven soas, que teñen independencia económica e inquedanzas de coñecemento e de se abrir ao mundo; como é o caso da proria Marta Dorribo, que viviu varios anos en Berlín para nutrirse de cultura e de arte e participou na colectiva de artistas no marco do Fieber Festival e andivo espallando o seu quefacer por diferentes lugares. Tamén as fotografadas: Ana, Rocío, Sonia, Virginia, Antía, Sofía, Belén, Sara, Aynara, Natalia, Yolanda, Ana e Montse, que aparecen acollidas no espazo íntimo da propia habitación e nunha pose de aparente quietude e de silenzo, agochan mundos internos e ricas  experiencias vitais. Na súa fotografía, Marta Dorribo interésase polo retrato sociolóxico e toma referentes de fotógrafos que o cultivan, como August Sander; tamén lle interesa a fotografía de Bernd e Hilla Becher que, o mesmo que fai ela en NOSotras, exploran as interaccións entre os individuos e o grupo. 

Todas as tomas desta mostra son similares no enfoque, no uso da luz, no formato e na mirada que se dirixe á cámara, pero tamén, cada unha delas, revela unha persoalidade irrepetible; hieráticas, serias, inquiridoras, fermosas, érguense cara a nos, encadradas no escenario da súa vida, devolvéndonos o novo rostro dunha xeneración de xóvenes mulleres de Galicia, que- como dí a fotógrafa “... transmiten forza e serenidade, que non rinden contas a ninguén agás a elas mesmas.”

Comentarios