jueves 3/12/20

O “Mar de libros” de Isabel Pintado

"MAR DE LIBROS é o título da mostra de Isabel Pintado (Madrid, 1964) no Museo do Pobo Galego, en Homenaxe a Xeración Nós, na que de novo deixa testemuña da súa exquisita sensibilidade e enorme talento plástico. As páxinas abertas ou pechadas do libro deveñen en símbolo polisémico de todos os anceios e todos os ensoños da psique humana, como xa viña anunciando en “Libros de auga” do 2009, onde a súa ollada, sempre traspasada de alén, voaba ceibe cara lonxanos horizontes. 

Agora, esas páxinas gardadoras de segredos, fúndense coa paisaxe para deixar testemuña do paso do tempo, coma no cadro “As horas”; tiñense de levedante tonalidade gris-malva e de saudade, coma en “Contos de inverno”; mestúranse co verde xenesíaco, en “Paisaxe e cultura” ou en “Historia”; convértense en edénica referencia do eterno relato adámico, en “Xardín de libros”; serven de confidecial espazo para as razóns do corazón, como en “Relato segredo”; levan polas aéreas dimensións sin fronteiras o seu relato perenne, como en “Palabras ao vento”; crean urbes fantásticas para a imaxinación, como en “A cidade dos libros”; sinalan un país de noso, como na serie “Atlántica”; ou aboian nas fonduras das augas creadoras das que emerxen todas as ideas, coma en “Libros do fondo do mar”, impresionante ámbito de abeiradas e azuis vastedades fistérricas, das que falaba Otero Pedrayo. 

Os libros son os grandes vehículos do pensamento humán e do misterio da creación, páxinas da memoria que ela converte en pretexto para maravillosas obras de arte, coa mensaxe aberta a todas as extrañezas, a todos os posibeis e tamén a todos os imposibeis, a esa rexión da utopía, a ese “Sin lugar” singular, que xa anunciaba unha antiga obra súa. 

Como xa dixemos noutra ocasión, os lenzos son para ela como miradores abertos a todas as latitudes do espíritu e que millor que as páxinas dos libros para suxerir todas as historias, tamén aquelas que habitan no silenzo? Con visión cósmica e poética enfondura, sitúanos diante de “O libro infinito”, ese que leva escritos no seu seo os anceios que chaman cara a celeste inmensidade. Significativo é o políptico adicado á Xeración Nós no que mestura grafismos e fragmentos de textos con acenos ao seu famoso logos. 

Un aspecto importante da mostra son as vitrinas que gardan os seus libros de artista e os libros intervidos; nos primeiros funde dun xeito prodixioso os valores visuais cos matéricos e táctiles para construir “Mundos imaxinarios” e “Delirios do aire”, para poñerlle “Alas al canto” ou desplegar un abano de fuxidías “Aves auga”. En canto aos libros intervidos, converte en fantásticos obxectos escultóricos obras de Luz Pozo, Garcés, Cunqueiro, Valente, Vicente Risco ( Galicia é un mundo), Manuel Antonio (De catro a catro), entre outros, destacando os aramios espiñosos que cinguen a obra de Lois Pereiro e o alongado sendeiro negro de “Longa noite de pedra” de Celso Emilio. Libros, pois, que tenden pontes de poesía visual cara todas as latitudes do ser.

Mostra da súa grande creatividade.

Comentarios