martes 22/9/20

Gabinete Voula Papaioannou

prolóngase a mostra de fotografía de Voula Papaioannou, (Lamía, 1898- Atenas,1990) que inaugurou en marzo a Fundación Luis Seoane, en colaboración coa Virreina Centre de Itmage de Barcelona e o Museo Benaki de Atenas. Esta fotógrafa foi descuberta por Jorge Blanco Gallardo, comisario da mostra, nunha visita ao Museo da Guerra en Atenas cando facía unha investigación encol das cárceres nazis. Axiña ficou seducido pola mirada singular desta artista que, entre as décadas do 20 ao 60 do pasado século, soubo retratar con sutileza a realidade grega do momento, deixando un documento no que latexa unha fonda humanidade, que vai alén do simplemente documental, para se achegar, mediante enfoques estudados de xestos e fisonomías, as capas máis fondas e bondadosas da alma humana.. Curiosamente, as fotos dos seus inicios foron para pasar a postais de turismo as maravillas das esculturas da Grecia clásica, conservadas no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas, un encargo que lle fixo Aléxandros Filadélfeas. 
Fixo tamén fotos de paisaxe das illas Cícladas e de recunchos de Atenas, nas que prima a harmonía compositiva. O estalido da guerra, en 1940, supuxo unha revolta no seu enfoque e, sen perder a súa confianza e visión esperanzada na humanidade ,fotografía as trincheiras, o reclutamento de homes para soldados, os feridos dos hospitais da Cruz Vermella e a solidariedade das organizacións humanitarias. 
Un dos capítulos máis tremendos foi a fame negra que trouxo consigo a ocupación alemá en 1941 e que desatou a mortandade infantil; Voula recollerá os padecementos da poboación, con total empatía i, en colaboración co gravador Yannis Kefalinós, realizará o chamado ÁLBUM NEGRO, no que as fotos irán acompañadas co pranto de Hécuba, da traxedia As Troianas de Eurípides, unindo así, de novo, o heroico mundo da Grecia clásica co dos herois anónimos do infausto presente. Salientaba Jorge Blanco, na inauguración, esa extraña concomitancia que pode establecerse entre as fotos das ruinas do pasado e os eivados corpos dos seres humanos: dúas caras dunha parella traxedia, na que, curiosamente, son as mutiladas estatuas sen pernas, brazos ou outros anacos do corpo nas que o pathos doente ten máis forza; mentres que nas escenas dos hospitais busca desdramatizar, destacando a esperanza, a bondade do persoal sanitario e mesmo unha certa alegría nos feridos que len ou tocan algún instrumento musical. 
Rematada a guerra, Voula Papaioannou buscará as testemuñas deixadas nas cárceres da Gestapo polos presos, fotografando os 
obxectos esquencidos, as cartas que nunca chegaron a destino e os grafitis das paredes, riscos esgazados e conmovedores que ben poderían entrar nos eidos da arte xestual. Fotos de nenos recibindo axudas de roupa, dos bebés do Orfanato Municipal ou da terra asolada atopan fermoso contrapunto nas delicadas composicións florais e nas que fixo en 1950-1965: un canto optimista á paisaxe e á xente do común.

Comentarios