Fotografías de Teresa Muinelo

Sala de Exposicións do Colexio Oficial de Médicos ofrece unha mostra de fotografía de Teresa Muinelo (Montrove, A Coruña, 1982), que, aínda que traballa no mundo do Dereito, confesa a súa paixón pola arte dende nena e formouse como fotógrafa en Lens, Blank Paper y Efti; actualmente estuda Belas Artes na Universidade Oberta de Cataluña. O  sinxelo título “PAPÁ” xa revela unha sensibilidade  allea ás altisonancias, que se nutre das emocións máis íntimas e verdadeiramente sentidas. 
Con delicados e fermosos enfoques que falan de ausencias e de silencios, consegue facer un relato evocador, que comenza cunha cadeira baleira e un bastón, arroupados na umbría dun verde xardín, e remata co retrato dun home solitario arrecunchado tralos vidros dunha escura ventá. Sen dúbida é unha historia con nome propio, pero podería ser aplicada a calqueira ser humán, pois do que predica é do tempo pasadío, da vida e da morte e cada unha das instantáneas entoa un canto elexíaco. Síntese asemade a viva comunión coa natureza, ela tamén suxeita aos ritmos eternos de nacer, medrar, morrer: un chan inzado de mazás podres, entre verdes ringleiras de hedras dan fe da inevitable antítese. 
E logo, nunha da fotos máis suxerentes, quizais a máis conmovedora porque atinxe á mesma condición da vida, está a escura terra, metafórico remedo de sepulcro, na que abrollan, como por milagre, tímidos gromos verdes; entón, fainos sentir que a morte non é o contrario da vida e que sempre hai un renacer. A presenza querida, agora ausente, insinúase na sombra da casa, proxectada sobre a luz ocre-verdosa do chan, na saba branca tendida a secar, na mangueira de rego enrolada en círculo arredor dunha morea de ourizos. no tocón de madeira que sostén as ponlas dunha árbore, na enredada liña dunhas vides que miran cara o alto ceo, na leña apiñoada a carón da porta, na  mesa de traballo da que penden ferramentas, na maleta de viaxante, na cama desfeita, nas vellas botas que non voltarán a camiñar, nas facturas, nas libretas pesoais, nos obectos amoreados no despacho, na roupa, nos licores que bebía...
Cada unha desas cousas leva unha marca, un selo, a pegada dun tacto irrepetible e Teresa Muinelo ten a sabedoría de escoller os enfoques máis axeitados, con encadres perfectamente estudados, a veces case minimalistas, nos que falan máis as elisións que as presenzas. 
Curiosamente, algunhas destas fotos, fan acenos a xéneros clásicos, como os da paisaxe e das naturezas mortas. pero sempre espidos de grandilocuencias, cuidadosamente encadrados nunha poética visual, na que o espazo baleiro crea un contraponto coas cousas e deixa abertas as portas da imaxinación e, dende logo, dese diálogo na distancia que ela establece, nesa percura de coñecer e atopar as claves imposibeis e as respostas ao enigma que todo ser deixa tras de si:”Observo tus cosas, como buscando en ellas respuestas  que nunca he encontrado a preguntas que ni siquiera he sabido plantear.” “PAPÁ” devén, así, en lección de metafísica.

Fotografías de Teresa Muinelo

Te puede interesar