miércoles 12/8/20

“Fora de foco”, en Afundación

comisariada por Mercedes Rozas, a mostra “Fora de foco” de Afundación recolle  34 obras de artistas de fora de Galicia que, aínda que pertencen á súa colección, nunca foran expostas e mesmo moitas aínda non estaban catalogadas, de ahí o título que, por antítese, quere poñer “en foco” estas pezas, algunhas verdadeiramente extraordinarias. 
Tal é o caso dos dous altorrelevos de Farreras (Barcelona, 1927), murais de potentes volumes cos que constrúe os seos misteriosos da materia. Soledad Sevilla (Valencia,1944),  evolucionou dende a xeometría cara unha abstracción máis lírica, presente no óleo “En mi propio interior”, no que  converte o muro nun  xardín colgante polo que esbaran delicadas  matas de glicinias. Ao delicado mundo das formas florais lévanos a foto de Carmen Van den Eynden. José M. Broto (Zaragoza,1949) establece, en “Simples”, un  exquisito diálogo entre xeometría (catro rectángulos de cor vermella e laranxa, separados por liñas verdes), e formas orgánicas, á maneira de voantes e lixeiras volutas verde-turquesa, fundindo así quietude e movimento;  mentres, en “Allemade” evoca  as costelas dun xigantesco cadavre. 
O augaforte “Perfil” de Manolo Valdés ( Valencia 1942), membro do Equipo Crónica, está na liña da súa reinterpretación, en clave moderna, dos grandes clásicos. O artista bosnio Mersad Berber ( 940-2012) combina un extraordinario dominio do oficio cunha fértil imaxinación, en “Alegoría dos bosques bosnios” e “Homenaxe a Vlaho Bukova”, dando canle a todo un universo  polifónico no que relata acontecementos, mais tamén laten as forzas da natureza (representadas sobre todo por cabalos), e as arelas do espíritu humán .Dentro do informalismo móvese a obra “Sueño de los muros” de Diego Moya (Jaén 1943).
O portugués Alberto Carniero (1937-2017) deixános unha” Evocaçao d´auga”, na súa retorta e alongada escultura de buxo. Artistas máis xóvenes, nacidos entre 1953 e 1974,  como P. Calapez, co políptico “ASA 06”; K. Jáuregui, con “Reflexos no bosque”; J. M. Curia, con “ Gilgamesh”; Sofía Areal, con “Em preto”;B. Rendall, con “A espera” ;C. Morago, cun cadro no que mestura interior e natureza morta; David Morago, con un “Cabalo” chorreante de salpicaduras; Susy  Gómez, coa escultura de aluminio “Asinto a isto”; Lluis Cera, con “Madeixa”, poderoso entrelazo de ferro, madeira e pedra caliza; Rui Chafes, coa escultura de metal “Flor que nasce para logo morrer””; Daniel Canogar, con “Outras xeoloxías”; Baltazar Torres, con “O vixiante”; Rita Magalhâes, coa paisaxe “Enora” e 4 fotos de rapazas; Sandra Rocha,con “Portrait of a lady”; Amaya Bozal con “Campos de lava”;e Chema Alvargonzález, co vídeo “Catro pontes”, contribúen a dar fe desa pervivencia da experimentación e da liberdade expresiva acadada pola arte do século XX, na que valores matéricos, manchas, texturas, esgrafiados, collage,   informalismo xestual e os novos aportes do virtual, combínanse coa figuración e a xeometría, para nos lembrar que toda arte é creación de mundos.

Comentarios