martes 22/9/20

Enrique lista: o mirador de aves

Sala do Pazo Municipal ofrece a mostra “MIrador de aves” de Enrique Lista ( Malpica, 1977), doutor en Belas Artes, docente, deseñador gráfico e xestor cultural; destaca, neste eido, a súa participación en ffoco, Festival de Fotografía da Coruña. A exposición está composta por dous grupos de fotografías, con temática de aves e ovos, que se poderían incluir no xénero do bodegón ou das naturezas mortas, pero o seu enfoque sobrepasa con moito as intencións estéticas do bodegón clásico, para entrar no terreo do simbólico e establecer, por contraste, unha dialéctica entre a vida e a morte; ou, incluso, para facernos ver o estreito vencello que existe entre ambas: aquelo que nos da a vida é o mesmo que nos fai mortais; todo esplendor ou gloria do mundo remata ahí, como xa pintara no Barroco o insigne Valdés Leal, en cadros como “Finis gloriae mundi”. 
Enrique Lista, menos enfático e quizáis máis empático coas criaturas máis humildes, como os protagonistas destas fotos, enfronta toda unha variante culinaria de platos de ovos fritos, dourados coma soles, ás grisallentas figuras dos paxariños mortos que xacen esnaquizados no duro chan das rúas; xa o ceo polo que voaran lixeiras estas aves parece estar ausente, pero é que Lista quere enfiar a nosa ollada cara nese espazo que tripamos a diario, quizais indiferentes aos dramas que agocha. Encol dese noso fuxidío mirar sen ver fai él esta reflexión: “Non sempre nos atrevemos a mirar aos ollos, e miramos ao chan, pero hai miradas ás que nin así se pode escapar”. Que as máis fermosas e alíxeras criaturas sexan agora estes restos caídos e sanguiñentos é toda unha metáfora da fraxilidade, non só da condición vital, senon dos ousados voos da nosa imaxinación que a miúdo rematan no camposanto. 
Tamén os ovos, que foron aves en potencia, unha vez cociñados, serán escatolóxico alimento que voltará ao po orixinario; eses redondos pratos, tan ben preparados e vistosos, parecen entoar un canto ao disfrute da boa vida, pero o seu esplendor é tan efímero como é o tempo de degustalos; de maneira que a elexía está, implícitamente, servida e adubiada, por se alguén non poidese decatarse, co contrapunto das pombiñas mortas, dalgunha das cales so quedan restos de plumas esparexidas e de vísceras sanguiñentas. E, non obstante o terrible destas imaxes, sentimos que transportan unha extraña beleza, pois- como diría Rilke en “As elexías de Duino”- “ o fermoso non é máis que o comenzo do terrible”. Conscente da beleza dos paxaros e da maravilla do seu voo, Enrique Lista confesa terlles envexa: “...todo nos paxaros parece lixeiro, o seu voo e a súa morte. Despois de todo, as aves teñen os osos ocos”. 
Unha fonda carga metafísica aparece así suxerida nestas obras que, por medio de alusivas elipsis, falan da aspereza da condición humana, mesmo da nosa indiferencia e crueldade para cos seres que nos rodean, pero tamén testemuñan do drama dese noso destino que nos ata a unha dura e grávida corporeidade que pervive tras da morte.

Comentarios