lunes 18.11.2019

De Laxeiro a Sucasas

Agalería La Marina- José Lorenzo ofrece a mostra “De Laxeiro a Sucasas”, na que a obra dos dous pintores de Lalín, ainda sendo de xeracións distintas (Laxeiro naceu en 1908 e Sucasas en 1940), establece un diálogo de fondo que ten como raiceiras a idiosincrasia das nosas xentes e as forzas da nosa natureza. Os dous beben do mundo popular de Galicia, que pintan en tons quentes da cor da terra i están en posesión dun rico imaxinario alimentado polo pathos galaico, que se caracteriza por esa dualidade, tan de noso, entre o espíritu de arcádico e idílico  lirismo, e o espíritu da rexouba, da distorsión, do humorismo esperpéntico.

O primeiro da pé  a presencias acougadas e dondas, herdeiras das formas populares, como se pode observar nas dúas Maternidades de Laxeiro: unha a lapiz sanguina que representa a unha naiciña, case nena, abrazando ao seu pequeno;  e outra nun cadro ao óleo, no que busca resaltar a forza protectora da nai, que rodea ao fráxil neniño con poderosas mans. O mesmo sentir delicado podemos observar na obra de Sucasas, na que pinta con bucólico erotismo, sobre fondo de paisaxe galego, a  unha mociña espìda cun ramallo de rosas nos brazos, xunto do seu namorado que é un gaiteiro a cabalo. A muller galega, a un tempo sostén da vida e vehículo da saudade, aparece na obra “Pescaderas”, na que Sucasas contrapón a figura de terra, que carga coa cesta do peixe, á da moza de flotante roupaxe azul da cor das ondas do mar que se volve para ollar o horizonte mariño .O outro lado, o da visión grotesca e das esguinzadas reviravoltas da comedia da vida, ten en Laxeiro  insignes exemplos. dos cales é unha boa mostra o cadro “Pensador”, onde a distorsión expresionista atopa acentos de goyesca e feroz intensidade, o que vemos é o deformado rostro dun home entolecido por pensamentos insoportabeis, completamente sulagado nas tintas negras. Das acrobacias do ser, do soño carnavalesco da vida falan, a miúdo, as fábulas plásticas de Laxeiro, das que pode servir de exemplo o cadro que mostra a un alporizado  xinete, tal heroi con disfraz de antroido,  montado sobre robusto cabalo . Do reino da fábula saen tamén” As viúdas de Romain”, tres fráxiles nenas, disfrazadas de meninas que parecen bonecas saídas dalgún dos cadros que lles serven de fondo.

As xentes, as costumes, os rasgos étnicos e as fisonomías da Galicia popular inspiraron de continuo o pincel de Sucasas, como é visible no cadro no que mostra, esaxerando os trazos, unha xuntanza de persoaxes de facianas terrosas; tamén é bó exemplo disto o  retrato de “O capador de Goyás”, que representa un rostro de anatomía forte, coma tantos dos nosos campesiños; especial mención merece “Partida de cartas”, no que reflicte as  típicas xuntanzas de  aldea;. A mostra, por forza, danos unha visión parcial do quefacer destes dous pintores, pero atestigua dese enraizado sentir que os animou e que lles fixo plasmar dun xeito  singular e irrepetible a sempre eterna  e arcaizante alma románico-barroca  de Galicia

De Laxeiro a Sucasas
Comentarios