jueves 02.07.2020

Atlántica. 40 Anos

Agalería La Marina. José Lorenzo, seguindo a súa liña de mostrar a obra dos creadores galegos, ofrece a mostra ATLÁNTICA. 40 ANOS, para recordar a aventura cultural e plástica da década dos 80, cos seus aires de renovación, (que en Madrid chamaron a” Movida”) e que en Galicia atopou nos artistas do grupo Atlántica aos seus máis notorios representantes. Certo que Atlántica non nacía no baleiro, senon que recollia a semente espallada polos grupos rebeldes da década do 70,entre outros os coruñeses A Carón, Sisga e A Galga. 
Pero o 80 coincide coa recén estreada democracia e a xuventude de entón quere celebrar os aires de liberdade, como si descubriran o mundo. Artistas das cidades de Vigo e da Coruña uníronse así, por primeira vez, nun proxecto común e puxeron a arte galega no mapa de España. 
O que hoxe hai que salientar é a aportación de linguaxes plásticas anovadoras nalgúns casos, noutros non tanto, e sobre todo a obra ben feita. Ben feitas están desde logo as obras expostas e cada unha delas da fe desa polifonía de formas e de composicións abertas á experimentación por camiños persoales, ainda que, en moitos casos entroncados coas correntes que xa circulaban no resto do mundo. Así, por exemplo o neoexpresionismo de Xosé Freixanes que, por medio de polícromos e soltos trazos fai emerxer unha figura humana dende serpeantes manchas verde-marelo. “ O soño de África” de Antón Goyanes mestura técnicas de collage, de veladuras espesas e de debuxo para deixarnos fronte a un destronado rei. Menchu Lamas abre un espazo de ceo azul e terra verde, con dúas suplicantes mans negras que tropezan cunha barreira reticulada. Na liña da abstracción xeométrica está a obra de Ánxel Huete, composta de planos ortogonais en tons grises, terra vermella e branco sobre espeso negro. Feitos de xeometría de liñas converxentes son os montes de Lodeiro, sobre os que vibra a alarancada luz do solpor. A parcelación das leiras do campo galego atopa expresión na xeometrizada paisaxe de vibrantes cores de Guillermo Monroy.. O tema da vanitas barroca e tratado por Moldes dun xeito particular: mesa en grises, con caveira, incluida de fortes empastes, que contrasta co xeometrizado fondo. Minimalismo e xeometría danse a man na obra de Mantecón, co espazo do cadro conmovido apenas por lenes auras rosadas ou raiados grises. A Nova Figuración atopa no “Carniceiro” de César Otero e na escorzada figura femenina da escultura de Leiro, dous exemplos notables. Sinxeleza, tons craros e levidade marcan bodegón e paisaxe de Manuel Ruibal. A desrealizada planta en grises de Antón Patiño, a escultura de ecos megalíticos de Mon Vasco, o baleiro espazo cor caramelo de Antón Lamazares e a marabillosa escultura articulada de Silverio Rivas completan esta viaxe. 
Como invitados de honor: Reimundo Patiño, cun cadro de expresionismo abstracto, e Alberto Datas, coa maxistral obra “Enredados” que resume magníficamente esa converxencia de linguaxes e liberdade creadora.

Comentarios