martes 23.07.2019

As pedras de José M. Castro

Baixo o epígrafe de “Transubstanciacións” a galería Monty4 expón esculturas de José Manuel Castro (Vilasuso, Cores, Ponteceso,1959), nas que –como xa ven sendo habitual no seu quefacer– transforma a alma xeolóxica das nosas pedras : seixo, pedra morceña ou cantos rolados en vehículo para expresar o máis delicado e humano: unha bágoa, unha ferida, unha costura na carne...; facendo así coa dura materia mineral o que en poesía se chama personificación ou prosopopeia.
De que xeito milagroso fai posible o irrealizable so se pode explicar –aparte da súa formación na Escola de Canteiros de Pontevedra entre 1980-85– por unha sensibilidade especial, por un animismo de raíz que é capaz de sentir a fonda comuñón que existe entre todos os seres da creación, e quizais por esa memoria arcana dos antigos cultos litolátricos que sen dúbida aínda latexa no inconscente colectivo de Galicia.
Pode percibirse que para él unha pedra é moito máis que eso: é memoria, paisaxe fundacional, esteo e sustento dun mundo e que, por medio dela, fala o noso genius loci.
Igualmente, o seu traballo, no que se enfrenta a pedrolos de talla imposible, testemuña dunha paciencia infinita, semellante, a escala humana, á erosión que durante milenios pulíu a rocha ata tronzala en pequeños croios e seixos ou transformala nas redondeadas formas dos cantos rolados.
El contempla ese traballo feito pola nai natureza; recolle os pelouros tal como están, coa linguaxe dos séculos escrito na súa rexa pel; e logo escrebe sobre eles, con cinceis, escofinas e óxidos de ferro, a súa propia linguaxe, ata facelos falar con acentos humanizados.
Establece así unha dinámica de contrastes de gran efecto plástico: a dureza convírtese en blandura e plasticidade, o tosco e basto dialoga co delicado i elegante, o áspero e rugoso e o que está cheo de enrugas e de fendas oponse ao que está liso e suave, i o que é insensible serve para transmitir emocións.
De grande efecto son tamén os contrastes de cor, algúns son accidentais, como o branco marfileño e negro dalgúns cantos rolados atopados no río; e outros son buscados por él, como aqueles en que o branco seixo aparece tinguido de óxidos de cor canela.
Está presente tamén a oposición entre as formas orgánicas e a xeometría, como nas pezas que chama “Lonchas de pedra”, nas que consegue cicelar, sobre a superficie irregular dos cantos rolados, lisos rectángulos de brancura de algodón; neste senso chama especialmente a atención a obra titulada “Pano e pedra” na que o canto rolado semella un fragmento de torso envolto nunha faixa que parece feita de tela a raias brancas e ocres.
Un dos seus achádegos son as brillantes bágoas e pequenas pozas negras que consegue extraer das opacas e lisas configuracións dalgúns cantos rolados, ata poder decir que “ a pedra chora”. Tamén hai que salientar as pezas cinceladas con encaixes e puntillas, nas que a materia mineral vehicula o herdo da cultura popular e J. M. Castro rende homenaxe a dúas formas de amor e mesmo de sacralidade.

As pedras de José M. Castro
Comentarios