jueves 1/10/20

Arte galega: a identidade dun pobo

Como é sabido, a eclosión do galeguismo, iniciado no  Rexurdimento do século XIX, ocurríu  a principios do século XX e nel tiveron un protagonismo fundamental a Xeración NOS, As Irmandades da Fala e a Cova Céltica. Dignificar e poñer en valor todos os aspectos culturais da tradición herdada foi a súa teima principal, o que incluía, non só a língua,  crenzas populares, lendas,  animismo, oficios, festas e celebracións, entre outros, senon tamén as manifestacións plásticas. 

Xa o movemento romántico abrira as arelas de recuperar a idiosincrasia dos pobos; un exemplo notable, polo que nos atinxe, foron os “Cantares galegos” de Rosalía. No referente as artes plásticas,  a finais do XIX comenza a perfilarse a idea dunha escola de pintura galega, pero será no inicio  do século XX, en que terán lugar as primeiras exposicións rexionais, cando esta aspiración tome corpo. En 1909 erguerase un pavillón diseñado polos arquitectos Antonio Florez e Manuel Gómez, para a Exposición Rexional en Santiago, que incluía tamén arte antiga; entre os pintores  galegos estiveron Castelao, Carlos Sobrino, María Corredoira, Xesús Corredoira, Camilo Díaz e Felipe Bello Piñeiro, pero foron moitos máis os españois. 

Foi en 1912, por iniciativa do Centro Galego de Madrid en que por primeira vez se faga unha mostra colectiva de artistas galegos que atinxirá enorme sona e porá os alicerces para a afirmación dun espíritu con raiceiras comunes que permita afirmar a idea dunha Escola de Pintura Galega. Tamén en agosto de 1912, organizada pola Comisión de Festas do Excmo. Concello coruñés celébrase a “Primera Exposición de Arte de Pintura, Escultura y Arquitectura”, con ampla representación de artistas galegos (48), entre os que figuran obras da Xeración Doente. 

En 1917 celebrarase a Segunda Exposición de Arte Gallego, no pazo do Concello, que por entón aínda estaba sin terminar, con 44 participantes e 229 obras; os arquitectos Palacios e González Villar e o pintor Lloréns diseñaron unha instalación que mereceu enormes eloxios e os artistas tiveron a convicción de que se abría unha época de aprecio e de relevancia para a arte galega que, máis que ser unha escola, forma parte dunha particular idiosincrasia. Conferencias, como a de E.Pardo Bazán defendendo a  nosa arquitectura tradicional, contribúen a esa afirmación do noso. 

En 1920 Vicente Risco escrebe, para o nº 1 de NÓS “ O sentimento da terra na raza galega” e reafirma a idea dese algo singular que nos define como pobo e que aparece inevitablemente nos nosos artistas. A este certo “enxebrismo” sumaranse axiña as aportacións das vangardas; a visión idealizada do mundo rural que aparecía en pintores como Sotomayor, deixará paso a outra máis crítica, e a estética do esperpento de Valle Inclán contribuirá ao desenvolvemento do expresionismo. A década de 1920 marcará ese paso dende a visión arcádica de Galicia a outra máis achegada á realidade do pathos e da dor das nosas xentes, como podemos ver en “Cousas da vida” de Castelao.

Comentarios