Alfonso Sucasas no museo de Belas Artes

O Museo de Belas Artes prolonga ata abril  a, mostra “Alfonso Sucasas, unha revisión”, comisariada por Miguel Fernández-Cid, na que se expón unha ampla producción da súa obra, dende 1957 ata o seu pasamento. Nacido en Laín, en 1940 e finado en Vila de Cruces no 2012, él foi con Laxeiro, Mª Antonia Dans e algún outro (salvando  distancias de estilo) o pintor da singularidade das nosas xentes do rural, do enraizamento no pobo, do que recolle o sentido lúdico e dramático, o estoicismo e mesmo ese hierático estar a agarda  de non se sabe qué. Cunha linguaxe plástica que bebe nas fontes do expresionismo e mesmo no esperpento valleinclanesco, sin chegar á deformación, pinta persoaxes que, mais que reflectir individualidades, dan fe de rasgos étnicos e dun irrepetible xeito de ser e estar no mundo; de ahí que se poida falar dun certo arcaismo, mesmo dun primitivismo que tan caro foi aos artistas do pasado século. 
Son seres de terra, de tons cálidos coma sucos da cor da terra e non poden ser de ningunha outra latitude que de Galicia, nin de ningún outro tempo que esa segunda metade do século XX, cando ainda pervivían tantas costumes propias e ainda estaba vivo o espíritu dos devanceiros; cando ainda había feiras do gando; cando as romerías se enchían de ofrecidos; cando se ía as tabernas a beber unhas cuncas e a facer rexoubas; cando aínda a Galicia agraria escoitaba o canto eterno dos ritmos astrais e se sobrecollía dunha  sacralidade anterga. Nos, que nos criamos nun pobo, podemos dar fe de todo eso. Pero a mostra descúbrenos tamén outro Sucasas: o retratista que recolle fielmente a persoalidade; o debuxante que manexa a liña con soltura; o investigador de formas da natureza  que camiña cara unha certa  abstracción xeométrica, servíndose da repetición de troncos, de follas e de configuracións da paisaxe.. E logo temos o pintor das crenzas populares que deixou cadros moi fermosos, como o de “As ofrecidas da Lanzada”; e o pintor de mitos bíblicos, como os de “Adan e Eva” ou “Susana e os vellos”. Está, asemade, o artista que sinte o pulo do seu tempo e que se mergulla polos vieiros da nova figuración, traendo ecos de Bacon. Obra cumbre, que resume o seu quefacer, é “Os xenerais do Marco”, de 1998, auténtico retablo coral no que reflicte o mais ritual e mítico do noso Antroido e da fe do espíritu festeiro e dionisíaco e da forza ancestral do noso pobo. Dous autorretratos seus, un de 1957, realista e de pincelada cezanniana, e outro de 2002 no que a súa figura se desdebuxa e se funde cun fondo de criaturas do seu maxín, falan dunha progresión dende a búsqueda inicial ata a fusión e a integración coa totalidade pictórica; ahí, neste último cadro, a pintura xa non é un oficio, é un destino. Podemos concluir, con Anxo Rei Ballesteros, que na súa obra “...está o espacio irrepresentable de ese “entre” entrañado i entrañable: o ser diferenciado de Galicia”.

Alfonso Sucasas no museo de Belas Artes

Te puede interesar